O xuvenil Miguel Rodríguez adestra co primeiro equipo

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

CARLOS IGREXAS

O redondelano, de 16 anos, realizou a pretemporada co Celta B

14 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O canteirán Miguel Rodríguez Vidal (Redondela, 2003) participou onte na sesión matinal de adestramento do primeiro equipo e repetiu hoxe. O mozo canteirán rematou a pasada tempada co Xuvenil A, participando na Copa de Campións, e durante o verán realizou a pretemporada co filial, exhibindo a gran capacidade goleadora que lle vén caracterizando tanto nas categorías inferiores do Celta como da selección española.

A idea do club é que este ano, o seu primeiro en categoría xuvenil, pertenza ao equipo de División de Honra co que xa participou asiduamente a pasada campaña -que comezara co Xuvenil B e sendo cadete-. Con todo, non se descarta que se a súa evolución segue como ata agora poida chegar a debutar este curso en Segunda B.

O canteirán, que chegou ao Celta procedente do Choco, está tendo unha progresión meteórica e xa se converteu en habitual nas categorías inferiores da selección española. De feito, chegou a debutar e marcar coa sub-17 cando aínda tiña 15 anos e é habitual coa sub-16. Agora dá un paso máis póndose ás ordes de Fran Escribá no primeiro equipo.