Unha idea fose do estándar habitual do conxunto vigués

José Luis Mosquera

BANCADA DE RÍO

Salvador Sas

12 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

l rombo sáese do estándar do Celta , que ata o momento xogara sempre cun 4-4-2 con dobre pivote. Pódese entender como un intento de buscar superioridade no medio campo ante un rival que xogaba con tres centrocampistas, pero supoño que serán probas e que despois será un compendio de todo o que traballaches.

A idea de xogar con rombo é un concepto máis ofensivo que defensivo porque os xogadores están colocados en profundidade á conta de pagalo logo defensivamente porque tes o acordeón aberto en ataque pero en defensa débelo pechar pero ao Celta foi dos partidos que lle custou máis o tema de defender sobre todo por fóra. A idea supoño que sería que Brais e Beltrán fosen defender en banda, pero partían dun posicionamento moi centrado e o Lazio case sempre se atopaba con superioridade por fóra.

O resultado do rombo foi que ao Celta custoulle moito, pero co 4-4-2 habitual custaríalle igual porque a min me segue faltando xente no medio campo. Falta Okay e alguén do seu perfil porque cando non está o turco tes un problema. O Lazio demostrou ser superior no campo aínda que o Celta tivo momentos de estar en campo contrario e de tocar, pero cada vez que o rival roubaba o balón o equipo tiña un problema tremendo a nivel de balance defensivo. Non lle chegaba o número defensivo que tiña.

Ao longo de toda a pretemporada o Celta xogou con dous homes por fóra que sempre van para dentro, Brais e Denis, o que lle dá moita combinación por dentro e protagonismo dos laterais por fóra.

Atrás creo que o Celta ten un problema defensivo importante. Ante o Unión Berlín Rubén foi o mellor e o sábado o equipo volveu dar unha sensación débil en defensa.

A tempada pasada, cando finalizou a liga, recoñeceron o problema que tiveran e a planificación parecía ir encamiñada a pór xente de músculo, futbolistas que compensase o que está arriba, pero ao final a tendencia foi recuperar a xogadores de casa, o que me parece ben porque vas ter máis compromiso, e falta ir ao mercado por alguén que recupere o balón con xerarquía e que lea o que está a pasar en cada momento.

Que se pode xogar o Celta co rombo ante o Madrid? Pode, pero en principio este sistema falo cando vas ser superior ao rival e o Madrid é o Madrid, e se déixaslle correr vas ter problemas. A Zidane sempre lle gustou correr. Para min sería arriscado.