Un central precoz que sendo xuvenil xa apuntaba a Primeira

Hugo Álvarez VIGO

BANCADA DE RÍO

CEDIDA

13 jul 2019 . Actualizado ás 09:26 h.

Coincidín con Jorge Sáenz no Tenerife na etapa na que el era aínda futbolista do filial de Terceira e estaba a piques de dar o salto a Segunda sendo aínda moi nova, con 18 anos. Esa tempada non tivo moitos minutos, entrou nalgunha ocasión cando faltaba algún compañeiro, por exemplo lembro xogar con el un Tenerife-Sporting de Xixón no que estivera moi ben. Pero á parte diso, adestraba connosco habitualmente e víase perfectamente o potencial que tiña e que apuntaba a Primeira.

Xa naquel momento tiña un cartel importante. Antes de estar sequera consolidado en Segunda xa lle convocaba a sub-21, pero el non respondía para nada ao prototipo de xogador novo ao que chaman da selección e xa actúa coma se estivese noutro rango. Sempre foi moi humilde, moi traballador, un xogador con moitas ganas de crecer e de ter a oportunidade que vai atopar agora se se confirma a súa fichaxe polo Celta . É un rapaz sinxelo, sempre cos pés no chan e as ideas claras.

Futbolísticamente ten moi bo trato de balón, moi boa saída, e a pesar de ser grande e ter envergadura, non é nin moito menos lento nin basto, senón que ten moi boa mobilidade e esa é unha das súas principais cualidades como defensa. É destro e tamén vai ben de cabeza.

Xa no seu día deu un salto grande de dúas categorías ao pasar directamente de Terceira a Segunda e soubo xestionalo moi ben. Agora agárdalle outro salto que sin duda é importante, pero seguro que tamén está preparado para este chanzo máis. Por algo llo levou o Valencia e interésase agora o Celta nel. O equipo vigués necesita mellorar en defensa para non sufrir tanto como o ano pasado e creo que Jorge é un gran reforzo para logralo.