Cando o amor a un club está por amais de todo

Patxi Salinas EN CELESTE

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

26 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Rendo un xogador acada a cifra de partidos que agora leva Hugo Mallo no Celta é un mérito enorme, brutal, algo moi complicado. E coa idade que ten e a liña que leva non hai dúbida de que acabará sendo o xogador con máis partidos do club en Primeira.

Del destaco a regularidade que foi capaz de manter sempre, incluso superando unha grave lesión de xeonllo. Iso conséguese cunha liña boa de traballo e unha capacidade física e de resistencia grandes. É un futbolista de sete en todos os partidos e iso non ten prezo. Mantén a concentración cada domingo e sempre está disposto a axudar ao equipo.

Mesmo ás veces, como capitán, puido buscarse un problemiña con algunhas declaracións que a longo prazo serviron para espabilar a todos e beneficiaron ao club. Un capitán é iso, non só o que recolle trofeos e eloxios en momentos bos, senón tamén o que di o que hai que dicir no momentos delicados. Para min estivo francamente ben esta pasada tempada motivando aos seus compañeiros para saír dun letargo que puido ter acabado co equipo en Segunda.

Aí é importantísimo que sexa un canteirán. Cando un xogador, no seu club de sempre, logra chegar arriba, valórao máis que a xente que vén de fóra e está de paso un ano ou dous, aínda que o seu rendemento sexa bo. Saben o que lles custou, que veñen futbolistas estranxeiros para competir con eles e con esforzo conseguen seguir xogando. Xogadores como Hugo son o espello onde se ten que mirar a canteira.

Non hai dúbida deste tipo de profesionais son o exemplo a seguir nun club de canteira como o Celta . Se non están el, Brais ou Iago Aspas, que mensaxe mándaslles aos teus xogadores da base de que poden xogar en Primeira? Podes venderllo, pero non é igual que dicirlles: «Aquí está Hugo, que hoxe é o canteirán con máis partidos no equipo e hai 18 anos era como ti». Non son moitos os futbolistas que nacen e morren nun club e non hai dúbida de que Mallo terá tido opcións de irse a outros equipos. Pero demostrou que hai veces en que o amor a un club está por amais de todo.