Mouriño acompañou a Teixugos Celestes no seu sexto aniversario

M. V. F. VIGO

BANCADA DE RÍO

TEIXUGOS CELESTES

A celebración foi en Aldán e o presidente aceptou a invitación da pena para asistir

09 jun 2019 . Actualizado ás 11:56 h.

A pena celtista Teixugos Celestes celebrou onte o seu sexto aniversario cun invitado de excepción. O presidente do Celta , Carlos Mouriño, aceptou a invitación da agrupación para celebrar con eles esta efeméride tran especial. O evento foi en Aldán -o colectivo desenvolve a súa actividade entre Cangas e Vigo, con peñistas de ambos os sitios-, onde o máximo accionista do club pasa uns días de vacacións, segundo contan desde a pena.

«Este ano fostes tremendamente importante para nós, como sempre, pero esta vez un pouco máis», comezou Mouriño as palabras que dirixiu aos presentes. «Estivestes aí animando como nunca e grazas a vós puidemos ter saído, a vós e un pouquiño tamén ao de Moaña», comentou.

O presidente deixou claro que «sen a forza, a coraxe, as quedadas» non fose doado saír e lograr o obxectivo de seguir en Primeira. «Non o fixemos ben, prometémosvos pór un pouco máis de interese para que este ano sexa mellor e non suframos tanto», agregou. Ademais, lembrou que xa pasaran seis anos «do día que me dixeches -dirixíndose ao presidente da pena-: ‘A ver se fago unha pena'. Aquí estades, crecendo que é o importante», finalizou.

Máis de medio centenar de persoas asistiron a unha cea que se celebrou no restaurante Capitán e tras a cal contaron coa actuación dun grupo de rock moañés. O elixido foi The Lelli Kelly's, cuxos membros tocaron ataviados polas bufandas de Teixugos.

O seu presidente, Juan Pérez Avendaño, fai un balance moi positivo destes seis anos de vida que celebraban e nos que «cada ano segue crecendo a pena e o celtismo», celebra. Conta que agora mesmo son 215 peñistas e que teñen xa pendentes novas altas para a próxima tempada.

A pena naceu oficialmente en abril do 2013 co propio Pérez Avendaño como nexo de unión. El fundou a pena con compañeiros seus de traballo na planta viguesa de Citroën, por unha banda, e os seus veciños da parroquia canguesa de Aldán, da que el é orixinario.