Xogador 12

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland A BUJÍA

BANCADA DE RÍO

LOF

04 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Celta ten a mellor afección de España. Así o recoñeceron a Liga e a asociación Afecciones Unidas, que cada tempada entregan o premio Xogador 12 á que consideran a mellor inchada do país. E o galardón correspondeu este ano ao celtismo, que sucede aos seguidores do Xirona, gañadores o pasado ano.

O premio será entregado este sábado, pouco antes do partido contra o Barcelona. O que garante que pasará inadvertido para a inmensa maioría do celtismo, que a esas horas se estará devorando as uñas das mans, e ata as dos pés, cos nervios previos a unha cita tan importante.

Para recoñecer á mellor afección de España, o xurado valorou sobre todo a paixón do celtismo nos momentos máis difíciles para o seu club. Sin duda terán influído os recibimentos do equipo en Balaídos antes dos duelos fronte a Vilarreal e a Real Sociedade. Tamén, os desprazamentos masivos a varios partidos lonxe de casa.

Ou a emoción vivida no estadio por unha afección que non se merece o que tivo que vivir este ano. «Sodes os mellores e non só o dicimos nós: ¡Felicidades, celtistas!», chouchiou o club tras coñecer a noticia.

E esta mesma noite, a afección volverá demostrar que o premio é merecido. Agora só falta que o club tome nota, porque cometeron gravísimos erros nos últimos tempos. E non só na faceta deportiva, senón tamén creando conflitos e montando un ruído que nada ten que ver co fútbol e que fixo dano a amplos sectores desa afección que nunca deixou de levar o número 12.