Iago Aspas: «Mamei este club e o meu soño sempre foi triunfar no Celta »

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

O céltico sinala que goza defendendo a camiseta celeste: «Para iso páganme e estou ben pago»

19 abr 2019 . Actualizado ás 16:01 h.

O céltico Iago Aspas concedeu unha entrevista a TVE tras anunciarse esta semana a súa renovación co Celta ata o 2023, o que supón ampliar un ano máis a vinculación co club que xa asinara no 2017 e atarlle ata o centenario da entidade. «Tíñao claro, o que pasa é que había que pórse de acordo co club», indicou o dianteiro, que lembrou que o club ao que pertence é para el a súa «casa» e a súa «familia».

O céltico subliñou que goza sobre o terreo de xogo coa camiseta do Celta : «Para iso páganme e estou ben pago», sinalou o moañés, que admitiu que o futbolista sempre «é inconformista e quéixase». «Se che dan 10.000, queres 20; e se danche 20 e metes un gol, ao día seguinte queres 30», reflexionou.

Respondeu tamén a preguntas dos seus irmáns sobre a que lle gustaría dedicarse cando se retire -é sabido que quere seguir ligado ao fútbol e así o reiterou- e a que se dedicou de non ser futbolista, ao que contestou que talvez algo relacionado cos coches, xa que o seu pai era mecánico e iso influíu na súa paixón. Sobre o mellor consello que lle deron os seus indicou que seguir sendo humilde: «Somos unha familia humilde, dun pobo (Moaña) e orgullosos de seguir vivindo en el».

Volveu explicar o porqué das súas bágoas fronte ao Vilarreal. «É un cúmulo de cousas que me pasan. Tres meses lesionado, a situación do equipo que non é boa que digamos, a presión, a xente pola rúa, a familia, os compañeiros que ves que che necesitan... Estás en casa carcomiéndote por dentro e derrubeime», indicou sobre o partido da súa reaparición. E lembrou que a súa parella lle dixo que nin cos nacementos dos seus fillos chorara tanto.

Reiterou a súa felicidade por seguir no Celta recalcando o seu estreito vínculo co club. «Mamei este céspede, esta cidade deportiva. O meu soño sempre foi triunfar no Celta ». Precisamente a Televisión de Galicia recuperaba estes días unhas imaxes súas con once anos que son a mellor proba, por se había algunha dúbida, de que é como o conta.