O Adarve quere protagonizar a súa particular Reconquista en Barreiro

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Unión Adarve

O club madrileño, moi activo en redes, apúntase ao slogan do primeiro equipo do Celta para aplicalo á súa propia loita por seguir en Segunda B

18 abr 2019 . Actualizado ás 14:09 h.

Xa non teñen ao profe Moreira que lles ensinaba o ano pasado, pero o Unión Adarve segue falando galego e mantendo a pesar da súa delicada situación deportiva unha política de comunicación que esperta moitas simpatías. Por iso onte, na véspera de enfrontarse o domingo ao filial celeste (12.00 horas) o perfil oficial do club madrileño presentaba o seu cartel para este partido e dirixíase directamente á conta do Celta . «Para reconquista a nosa. Vémonos este domingo en Barreiro. Saúdos, amigos. #Afouteza», era o texto que compartían.

O club madrileño apuntábase así ao slogan que hai varias semanas lanzou o Celta cando quedaban dez xornadas por diante para a loita pola permanencia en Primeira. Porque o Adarve ten ante si a pelexa pola salvación, que lle converte nun dos rivais tanto do propio Celta B -nunha situación máis folgada- como sobre todo doutro dos equipos vigueses da categoría, o Rápido de Bouzas. O Adarve é agora décimo oitavo con 33 puntos e a cinco tanto da salvación como do play-out.

O conxunto madrileño debutou a tempada pasada en Segunda B, onde xa coincidiu co Celta . Foi entón cando os celtistas asiduos ás redes sociais empezaron a coñecer o seu xeito de xestionar este medio. En setembro do 2017 gravaban un vídeo co seu xogador galego e excéltico José Moreira -que cambiou de aires para incorporarse ao Racing de Ferrol hai só unhas semanas- ensinaba a lingua a varios compañeiros.

Con motivo tanto dos seus duelos antes o Celta B como ante o resto de conxuntos galegos da categoría de bronce, o Adarve utilizou o galego na súa conta de Twitter. Nesta ocasión, o perfil oficial do Celta agradecíallo así: «¡Copiotas! Vémonos o domingo en Barreiro. ¡Boa viaxe e grazas por estes pequenos detalles!».