Un acto de xustiza por amais de todo

Xosé R. Castro FONDO NORTE

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

18 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En realidade o contrato de Iago co Celta amplíase nun ano. O moañés xa tiña vinculación co equipo da súa vida ata xuño do 2022, pero a noticia vai moito máis alá do tempo. O anuncio do Celta , case dous anos despois de asinar a súa última renovación, é un recoñecemento a todos os servizos prestados e unha chiscadela ao futuro.

Resulta difícil saber se a ampliación ata o ano do centenario é unha casuística ou froito da negociación, pero nin ao guionista máis sisudo quedou tan niquelado: Símbolo, líder da reconquista e bandeira do centenario. Que máis se pode pedir desde o prisma celeste.

Pero por amais de guións, a renovación é sobre todo un acto de xustiza. O presente do Celta non pode entenderse sen Aspas como actor principal. Porque por moi manido que resulte na súa folla de servizos non se pode obviar a salvación ante o Alavés, a asistencia do 4 %, os nove millóns en caixa que deixou en Liverpool en tempos de resistencia ou o regreso triunfal para participar no mellor Celta do milenio, sen contar a recente semana de paixón onde deixou clara que a súa influencia no equipo vai moito máis alá da de Messi no Barça Todo, porque Iago únelle ao seu talento descomunal unha dose igual de grande de compromiso e amor a unhas cores, algo que se resume nas bágoas tras o partido co Vilarreal.

A renovación de Iago é a mellor noticia que podía recibir o celtismo nun ano de ansiedade. O mellor xeito de comezar o partido do sábado ante o Xirona coa permanencia en xogo e o modo ideal de promulgar aos catro ventos que o futuro existe. Porque a día de hoxe, e máis aló da conta de resultados, a permanencia de Iago no equipo vai moito máis alá dun estadio moderno ou unha cidade deportiva onde ver florecer aos Aspas do futuro, porque eles, tanto como instalacións de primeiro nivel necesitan referentes e en 100 quilómetros á redonda, non hai outro que supere a Iago.

Agora só resta certificar a salvación para garantir que o contrato se cumpra ao 100 % e construír un futuro onde un xogador das súas características poida ser a referencia dun equipo con aspiracións de loitar por Europa todos os anos. Logo, cando se retire, seguro que investirá as súas moitas horas de fútbol en construír un Celta mellor. Á altura das súas ambicións e do seu talento.