Un Celta distinto repite resultado en Madrid

XULLO ÁLVAREZ-BUYLLA

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

16 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Celta repetiu visita a Madrid e repetiu resultado, iso si, con sensacións moi distintas. O Celta de hai un mes era un equipo sen confianza, con medo e que apenas transmitía algo distinto que impotencia. O sábado os vigueses demostraron que o mes non pasou en balde e que a pesar de que hai erros que persisten e que probablemente persistirán ata final de tempada, agora o equipo compite, defende máis solidario e mesmo volve xerar ocasións. Pero a mostra aínda é pequena para calibrar se esta recuperación é unha realidade ou simplemente algo pasaxeiro. A evolución dos resultados non ha ir ao mesmo ritmo que a do xogo por iso é necesaria a cautela e seguir avanzando de cara ao determinante partido ante o Xirona. Mentres tanto esta dose de esperanza non está mal, a verdade.

1 A clave

Os espazos e a pegada

O Celta adaptou o seu posicionamento defensivo ao devir do resultado ou polo menos iso pareceu. Empezou entregando o balón ao rival, encartado en campo propio intentando roubar e sorprender á contra. O Atlético fixo dano sobre todo cando se descolgaba Griezmann entre liñas, pero os vigueses tamén tiveron as súas opcións con tres ocasiones claras salvadas por Oblak. En desvantaxe os celestes recuperaron a presión tras perda, deixando espazos ás costas da última liña defensiva e aí o Atlético sentiuse ata máis cómodo. As vixilancias defensivas ante un rival ao que lle gusta correr desde campo propio e a falta de amplitude no xogo fronte a un equipo que se protexe moi ben por dentro foron xunto coa pegada as claves para non sumar no Metropolitano.

2 O cambio

Unha realidade?

Se algo é destacable neste mes de Escribá en Vigo é que o equipo parece que aos poucos vai recuperando a confianza. Os célticos a pesar de reincidir en defectos do pasado, transmiten outras sensacións. Segue faltando intensidade defensiva ou a capacidade para parar a xogada antes de que o dano sexa irremediable e o noso ataque segue dependendo da presenza ou non de Iago. Pero parece que creceu o sentido colectivo da defensa facendo fincapé nas axudas defensivas e as distancias entre liñas. Incluso o Celta vai crendo máis no posicionamento avanzado e a presión tras perda, o que favorece transicións máis rápidas e ataques menos previsibles. Incluso algúns xogadores parece que se reactivaron mellorando a súa achega ao xogo do equipo. Son sinais positivos pero que haberá que consolidar.

3 En defensa

A vixilancia

Claves en calquera proposta defensiva, adquiren moita máis importancia cando presionas en campo rival e máis aínda cando en fronte está o Atlético, mestre na arte de correr ao contraataque. Chegar medio segundo tarde a esa loita na que dianteiro e defensa buscan anticiparse á acción do rival é definitivo á hora do éxito ou non na execución dun contraataque. A presión tras perda dos vigueses non estivo acompañada de boas vixilancias defensivas o que provocou as oportunidades de gol máis claras do rival na segunda parte.