Brais: «Temos que facer autocrítica porque esta non é a liña a seguir»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O mosense admitiu que fixeron un mal partido e que necesitan gañar «como sexa» ao Alavés

16 feb 2019 . Actualizado ás 17:24 h.

O céltico Brais Méndez admitiu tras a derrota do Celta ante o Levante que foi «un mal resultado e un mal partido» no que o seu gol, desde o punto de penalti para facer o 1-3, «non serve de nada». «Hai que pensar no seguinte e sacar os tres puntos como sexa porque os necesitamos», indicou o futbolista mosense.

O canteirán non ocultou que o equipo «non estivo ben en ningún momento, non se sentiu cómodo. Hai que recoñecelo e mirar o futuro». Lembrou en todo caso que «queda vida, quedan moito partidos, xornadas e puntos», aínda que veñen «dúas viaxes complicadas». «Temos que centrarnos no seguinte, contra o Alavés. Imos dar o mellor para volver á boa senda», afirmou.

En canto á ausencia de Iago Aspas, insisitó en que xa falaron moitas veces da súa importancia, pero non pode ser «unha escusa». «Oxalá recuperalo canto antes, e a volta de Maxi tamén nos vai a axudar, pero temos bo persoal e non podemos depender tanto dun só xogador, por bo que sexa».

Chamou Brais a «facer autocrítica» aos que estaban onte no campo. «Podemos dar máis e hai que seguir mellorando porque esta non é a liña que temos que seguir», admitiu. Ademais, asegurou que o equipo está «a matar» co seu adestrador.