O epílogo sorrí ao Celta B

X. R. C. VIGO

BANCADA DE RÍO

O Rápido, con 10 media hora, traballou arreo para salvar un punto pero quedou sen recompensa

10 feb 2019 . Actualizado ás 19:28 h.

O desconto resolveu un derbi igualado, con alternativas e sen demasiadas ocasións de gol. Gañou o Celta B, que xogou máis de media hora cun futbolista máis pero que non puido atopar gretas na defensa do Rápido de Bouzas ata o minuto 91 por mediación de Adrián Mancebo. Os aurinegros resistiron sen apenas sofocos con dez futbolistas no campo prolongando un partido cargado de sufrimento e corrección táctica que tiveron pensado a un filial céltico que non acabou de atoparse do todo cómodo nun partido tran trabado e intenso.

Os de Rubén Albés comezaron con forza, avisando cun tiro de Ían Salvador e un inocente cabezazo de Manolito Apeh que atrapou Brais. Pero o Rápido enseguida ensinou os dentes e as súas armas. A base de intensidade e de colgar balóns para pór en alerta á zaga celeste. Tamén sacaron a relucir a velocidade dos seus homes de arriba cunha cabalgada de Javi Sánchez, aínda que a ocasión máis clara dos aurinegros chegou tras un balón parado cun man a man entre Álvaro Clausí e Iván Villar que acabou co balón no lateral da rede.

O Rápido foise ao descanso transmitindo a sensación de que estaba máis cómodo no derbi que un Celta B ao que lle custaba tocar e triangular no campo de Bouzas e á volta do vestiario Mouriño aumentou a dose de incerteza sacando unha falta por abaixo que non sorprendeu a Iván Villar.

A continuación chegou a xogada que rompeu o guion da igualdade. Un forcexo entre Iago López e Ían Salvador nunha falta a favor dos locais acabou con vermella para o xogador do Rápido. Restaba máis de media hora e o cadro de Míchel Alonso pasou a atrincheirarse e o Celta B a capitalizar o balón. Os celestes non optaron por un ataque suicida, senón que foron madurando o partido, pero aínda así, os de Bouzas non se descompuñan, aínda que aos poucos comezaban a acusar o desgaste.

As ocasións máis claras do cadro visitante chegaron nunha penetración polo centro de Manolito Apeh que abortou Brais e nunha condución de Ían Salvador que case sen ángulo acabou rematando ao lateral da rede. Solís, cunha falta directa, intentouno sen éxito a balón parado ante a boa intervención do meta local.

E cando parecía que o empate era o único camiño posible chegou un final de tolemia. Para comezar, dous dos cambios de Rubén Albés déronlle o gol ao Celta B. Conduciu pola esquerda Pastrana, o seu disparo obrigou a Brais a estirarse e no rexeite Adrián Mancebo non perdoou e marcou a portería baleira.

Lonxe de maldicir a súa sorte, o Rápido foise arriba e na seguinte xogada Toni Jou encaixou o balón no traveseiro. Un final de xeito extraordinario para un partido que permite respirar ao Celta B e que deixa ao Rápido de Bouzas a sete puntos da salvación.