Karpin: «Con aquel Celta fixemos realidade moitos soños»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O actual adestrador do Rostov fai balance da súa etapa en Vigo no día que cumpre 50 anos

02 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Valeri Karpin, un dos futbolistas que se fixeron un oco na historia do Celta como parte do grupo que marabillou a Europa a finais dos 90 e principios da década seguinte, cumpre hoxe 50 anos. Un momento como calquera outro para facer repaso do seu paso por Vigo e do que o club celeste significou na súa vida. Porque o número non lle importa moito. «Nada cambia dos 49 aos 50», defende. O seu cariño pola entidade, como se desprende das súas palabras, tampouco.

-Que é o primeiro que se lle vén á cabeza se se lle fala do seu paso polo Celta ?

- Que foi unha etapa importantísima para min a todos os niveis, tanto na miña vida persoal como na profesional, por suposto. Tivemos un equipo que conseguiu moitos éxitos para o que fora o club nos anos anteriores, posiblemente a mellor etapa da súa historia. Para min a nivel persoal, foron momentos moi felices.

BENITO

-Que lle decidiu a fichar polo Celta ?

-A clave estivo primeiro en Javier Irureta, que era un adestrador ao que xa coñecía de ter traballado co en San Sebastián. El mostrou moito interese en que viñese e, aínda que era un equipo que a tempada anterior salvouse na última xornada, non tiven ningún problema en sumarme a un proxecto no que había grandes xogadores. Non só Mostovoi, senón tamén outros como Djorovic ou Míchel Salgado, que volvía de estar cedido en Salamanca. Podíase facer un equipo competitivo, como así foi. E así empezou a miña etapa en Vigo, primeiro como cedido.

-Así que polo que di, viu que había bases para ese EuroCelta que viría despois.

-Si, aínda que a verdade é que cando cheguei a ninguén se lle pasaban pola cabeza esas metas. Tendo en conta de onde viña, ninguén falaba de Europa, había que ir aos poucos. Pero tal e como era Jabo e cos xogadores que tiñamos, si estaba seguro de que se podía facer algo. Confiaba en que podía dar rendemento, facerme un sitio e axudar a un grupo moi bo. Conseguimos facer moitos soños realidade.

XOAN CARLOS GIL

-Con que momentos queda neses cinco anos?

-Tantos, tantos, tantos... (pensa). En Liga gañar ao Real Madrid e ao Barcelona tanto fose como en casa, ou a outros equipos que estaban fortes naquel entón como ao Mallorca. E logo xa partidos de Europa, os que todo o mundo lembra contra a Juventus en casa, contra o Benfica... Houbo tantos e tantos momentos que non podería dicir nin dous, nin tres, nin catro nin cinco.

-E os momentos máis complicados?

-No meu segundo ano, cando non entramos na Champions na última xornada, cando en caso de gañar entrabamos, e tamén a final de Copa. No persoal, a miña saída non foi un tema agradable, pero así é o fútbol e despois vivín anos fenomenais na Real, así que non podo dicir que fose unha mala decisión. Pero si que é certo que levaba cinco anos en Vigo, estaba moi a gusto e deume pena irme.

Óscar Vázquez

-Como vivía os regresos a Balaídos como visitante?

-Xa estaba na Real, implicado co meu novo equipo e tiña que centrarme niso, era o único que me preocupaba. Logo no aspecto das emocións está claro que non era un partido normal, pero estas cousas os futbolistas temos que apartalas, porque a túa prioridade debe ser que o teu equipo gañe sempre, vaia ao estadio que vaia. Iso é o único que podes ter na cabeza.

-Cales considera que son os mellores xogadores cos que coincidiu en Vigo?

-Case calquera que collas deses anos eran futbolistas espectaculares: Mostovoi, Mazinho, Makelele, Revivo, Míchel Salgado... Podería seguir enumerando, porque eran buenísimos e era unha gozada xogar ao seu lado.

Non dispoñible

-Sempre se dixo que a súa chegada axudou a Mostovoi a asentarse. Foi así?

-Non o sei, supoño que si se a partir dese momento estivo mellor que no primeiro ano. Nós estabamos moito xuntos, dentro e fóra do equipo, falabamos moito. Pero o feito de que o equipo era mellor e tiñamos aspiracións cada vez máis importantes seguro que tamén lle axudou.

-Mantén contacto con el ou con outros excompañeros do Celta ?

-Non vou dicir que nos falamos todos os días, pero si nos chamamos ás veces e temos moi boa sintonía cando nos atopamos con xogadores como Djorovic, Míchel, Mostovoi cando nos vemos, Mazinho co que estiven tanto en Vigo como en Barcelona varias veces, Giovanella... Únennos moitos bos recordos.

-Ten ocasión de seguir ao Celta e ver os seus partidos?

-Si, sempre que teño tempo. Sigo moito a Liga española e ao Celta sempre dixen e sigo dicindo que lle teño un cariño especial, como á Real, que son os meus dous equipos en España, onde estiven cinco anos en cada un. Os dous son moi importantes para min.

ÓSCAR VAZQUEZ

-Como valora a delicada situación actual do Celta ?

-Prefiro non dar a miña visión como adestrador porque para iso hai que estar alí, saber que está a pasar. É un momento e unha tempada complicados, cambiouse de adestrador unha vez e parece que pode pasar calquera cousa co actual. Non é nada bo para o club, pero agardo que entre todos saquen adiante este momento difícil.

-Que momento vive vostede agora como adestrador do Rostov?

-Vaime ben. Agora estamos en pretemporada, acabamos a primeira parte e imos sétimos a catro puntos da Europa League. Agora estamos a nos preparar para arrincar en marzo e a ver se conseguimos a meta.

-Gustaríalle volver adestrar en España no futuro?

-Si, claro, sempre digo que é unha das mellores e das miñas preferidas. Nunca se sabe o que pode pasar, pero sen dúbida non o descarto para nada.

M.Moralejo

-Que lembro garda da afección do Celta ?

-Téñolle moito cariño porque iso é o que me deron eles sempre: cariño, respecto, moitísimo apoio polo que sempre estarei agradecido. Porque por moito que pasen os anos, non só mentres estaba, sempre me seguiron tratando igual.

-Cumpre 50 anos. Suponlle unha data especial?

-Non demasiado. É unha cifra redonda e parece que todo o mundo lle dá máis importancia, pero non vexo nada especial niso. Sigo sendo o mesmo e non vai cambiar nada dos 49 aos 50.

ÓSCAR VAZQUEZ