Precedentes para desconfiar

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.Moralejo

A última vez que o Celta arrincou o ano con tres derrotas seguidas acabou descendendo

20 ene 2019 . Actualizado ás 23:08 h.

Moitas das estatísticas que deixa a xornada para o Celta avisan do perigosa que é a situación e que a ameaza do pozo de Segunda é moi real. No 2007 foise ao pozo tras perder os tres primeiros partidos do ano, igual que nas tres ocasiones que encaixou 34 ou máis goles a estas alturas de campionato.

CERO PUNTOS

O 2007 comezou con tres derrotas e o equipo descendeu

O precedente do último descenso non invita o optimismo. A última vez que o conxunto vigués comezou un ano con derrota acabou cos seus ósos no fútbol de prata. Aquel 2007 arrincou con derrotas ante Betis, Atlético de Madrid e Xetafe con Fernando Vázquez aos mandos e acabou con descenso con Stoichkov no banco. O segundo precedente de cero vitorias nun inicio de ano é un pouco máis halagüeño. Sucedeu no 2003 cando o equipo se clasificou para Champions. A diferenza era que o conxunto era cuarto e tras perder con Deportivo, Real Madrid e Real só baixou ao sexto posto.

GOLES EN CONTRA

As tres veces que encaixou 34 ou máis goles a estas alturas, descendeu

O número de goles en contra é o mellor indicador do que vén amais . As tres veces que o Celta encaixara a estas alturas de campionato 34 ou máis goles acabou en Segunda. Sucedeu na campaña 78/79 con 37 tantos en contra e repetiuse na 85/86 con 41 e máis recentemente na 03/04 con 34 encaixados, o mesmo número que o conxunto vigués arrastra na actualidade despois de disputar 20 partidos a unha media de 1,7 por encontro.

O REFACHO

A peor nos últimos dous anos

O Celta non encadeou catro derrotas consecutivas nin cultivou un punto de 15 posibles ao longo da pasada tempada con Unzué no banco. O último precedente tan negativo remóntase ao final da tempada 16/17 e ten unha explicación: aquel equipo dos últimos días de Berizzo aparcou a liga para eliminar ao Genk no partido de volta dos cuartos da Europa League e volveu facer o mesmo nas dúas semanas que durou o cruzamento de semifinais co Manchester. Iso significou apostar por toda a unidade B no torneo doméstico e o resultado foron cinco derrotas consecutivas. O precedente anterior tan só coa liga como punto de mira se atopa no famoso refacho das dez xornadas sen gañar de Berizzo (desde novembro do 2014) con dous empates e oito derrotas.

A CAMPAÑA PASADA

Os tres que estaban en descenso a estas alturas acabaron en Segunda

A historia da permanencia e o descenso en Primeira está chea de estatísticas para todos os gustos, pero hai un ano, despois de 20 xornadas Deportivo, As Palmas e Málaga ocupaban os tres últimos lugares e ao final acabaron descendendo. O Levante era quen marcaba o corte con dous puntos máis e 18 partidos despois puido vivir un final plácido de tempada.