Merlegos cumpre o soño dun celtista peruano

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

CEDIDA

Moisés Barreto, celtista de Lima, comentou en Facebook que non tiña xeito de conseguir unha camiseta do equipo no seu país e a pena compostelá fíxolla chegar

17 ene 2019 . Actualizado ás 17:40 h.

Hai uns días, un tesouro que levaba anos desexando poder ter chegaba a mans do peruano Moisés Barreto. Peruano de 39 anos, tempo atrás expresara nun grupo de celtistas da rede social Facebook as súas ansias de poder conseguir unha camiseta do Celta e desde a pena Merlegos Celestes tomaron boa nota. «Dixo que lle encantaría ter unha camisola do Celta e que non seu país non a daba conseguido, dito e feito», explica o presidente da agrupación compostelá, Miguel Barja.

Á camiseta sumáronlle unha bunfanda, pulseiras da pena e unha bandeira do 95 aniversario. «Levoulle todo unha camareira miña peruana que empezaba as vacacións e ía a Perú a ver á súa nai. Aproveitamos a viaxe», revela Miguel o xeito en que o fixeron posible. «Coñecín por Facebook a esta xente marabillosa o ano pasado e prometéronme que me mandarían un polo do Celta . Non o podía crer, fíxenme ilusiones pero custábame crer que fóra a ser certo. E ao final o meu soño fíxose realidade», agradece Moisés.

Miguel contoulle que Ena, que así se chama a súa «heroína», como el di, sería a encargada de facerlle chegar o seu ansiado agasallo. «Comenteilles aos meus fillos que nos iamos ao aeroporto, que viña unha amiga española e preguntábanme de que a coñecía e como nos iamos recoñecer. Fixemos un cartel para que ela nos vise e fun o home máis feliz do mundo», expresa. Asegura, ademais, que pasaba un mal momento persoal e que o agasallo chegou no momento xusto. «Doulles as grazas e corazón. Pasaba un mal intre no meu fogar e esquecémonos, funme cos meus fillos a celebralo cun rico pito á brasa e a bandeira do Celta na mesa», relata.

A afección de Moisés polo Celta vén de moito tempo atrás, aos doce ou trece anos, calcula. «Pasaban os partios acá en Lima e gustábame a pelota. Vía sempre o fútbol aínda que fose as dúas ou as tres da mañá. Era fanático a morrer e moitas veces coincidía que puñan partidos do Celta », lembra. Nesa época xogaban futbolistas que lembra especialmente como «Jayo, Legario, Chema do Soar, Karpin, Mostovoi, Catanha, Cavallero, Mazinho... Un gran equipo que moria por ver», lembra.

O horario era un impedimento para un rapaz que tiña que madrugar para ir a clase ao día seguinte, pero llas ineniaba como podía. «Para chegar ao televisor había que pasar polo lcuarto dos meus pais e a luz molestáballes. O que facía era saír cunha manta e tapábame enteiro con televisor e todo. Ata que remataba o partido non me ía a durmir, ata que me descubriron e gardaban a tele todas as noites», rememora divertido. Así comezou a fraguarse a súa paixón celeste.

Tempo despois, viviu unha anécdota «que non crerán» -di-, pero que asegura que ocorreu. «Ía por unha avenida principal, pareime na esquina para cruzar e atopeime unha indumentaria deportiva ben dobrada. Non había ninguén ao redor e como era traveso como todo raparigo e estaba alí caído, collino». Cando o abriu, para a súa sorpresa, conta que viu que era o uniforme do Celta . «Non mo podería crer. Era o mellor que me pasou ata ese momento». Desde entón usouna durante anos e se rompía volvíaa coser. «Era a miña arma secreta». Agora conta cunha máis.