Garantía de espectáculo

Pichi Lucas

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

19 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A presenza de Messi e Luis Suárez no Barcelona e de Iago Aspas e Maxi Gómez no Celta garante espectáculo, un partido atractivo, de moitas alternativas, no que vai haber goles case seguro e que non vai ser doado para os adestradores.

Unha parella como o moañés e o uruguaio é garantía de éxito para un equipo como o Celta . Cando contas con dous xogadores que che meten 30 ou 40 goles, iso tapa as carencias noutros conceptos, minimiza as limitacións e repercute en que os demais xogadores e o equipo no seu conxunto sexan mellores. Xuntos xa asinaron número espectaculares a tempada pasada e é incrible que o estean conseguindo de novo.

En canto a Messi e Suárez, son xogadores dun dos mellores clubs do mundo e eles en si mesmos son dous dos mellores. Teñen complementos ao seu redor, pero individualmente son dous talentos naturais incribles e neste momento xa non lle estraña a ninguén a cantidade de goles que levan. Son parellas en equipos que loitan por distintos obxectivos, pero ambas teñen unha importancia vital nos seus clubs.