Okay: «Non podemos relaxarnos por ter gañado dous partidos»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

O centrocampista turco, feliz polo seu primeiro gol, considera que o obxectivo do Celta é Europa

11 dic 2018 . Actualizado ás 21:18 h.

Okay Yokuslu séntese feliz en Vigo e contento de formar parte do Celta , segundo comentou na súa primeira comparecencia despois de estrearse como goleador co equipo en Vilarreal. Pero pese ao bo momento que vive o equipo, incidiu en que non poden «relaxarse por gañar dous partidos, senón seguir traballando porque quedan equipos importantes», aínda que destacando que foi clave poder vencer ao Huesca ante a súa afección e ao Vilarreal, un «un gran club».

O centrocampista lembrou que xa xogou con Lobotka, Beltrán e Jozabed e considera que todos poden «xogar con todos». «Temos que coñecernos e saber facelo», subliñou. Sobre o papel de Lobotka unha vez que teña a alta comentou que «é o míster quen ten que decidir se xoga ou non», pero partindo da base de que o seu regreso será «unha gran noticia» porque o equipo lle necesita.

En canto a Miguel Cardoso, indicou que «é unha gran persoa» e que as dúas semanas que leva con el foron «boas para o equipo» e para el. Tamén tivo boas palabras para Mohamed. «Era unha boa persoa e adestrador, pero os resultados non acompañaban», dixo. Entende que o equipo «cambiou sobre o campo», pero que as diferenzas son pequenas e a el non lle «afectan moito».

Para Okay «o obxectivo do Celta é Europa». «Iso agardamos, se pelexamos sobre o campo así, agardo que o logremos», comentou. En canto ao seu gol, mostrouse «moi contento», confesando que o intentou antes e que «por fin» chegou. Ademais, apuntou á necesidade de xogar no Celta para poder seguir tendo un papel crave en Turquía. «Agardo ser tan importante aquí como na selección», dixo.

En canto ao partido deste venres en casa fronte ao Leganés, asumiu que será diferente ao do Vilarreal, coa vantaxe de xogar nesta ocasión diante do seu público. «Son dous rivais distintos. Se marcamos pronto, será máis doado», concluíu.