Unha xesta gañada a pulso

Rafa Berges

BANCADA DE RÍO

Non dispoñible

07 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se penso naquel día véñenme á cabeza recordos extraordinarios. Todos os futbolistas tiñamos ao Liverpool como un referente e a Anfield como un estadio mítico, polo que só o feito de xogar alí co teu equipo era especial. Xa se lle sumas ter a oportunidade de gañar e pasar a eliminatoria, creo que podo dicir que foi dos momentos máis especiais que vivín como xogador do Celta .

Eu levaba anos no equipo e pasara por momentos complicados, tempadas de salvarnos na última xornada e de pasalo mal. De súpeto gañabas ao Liverpool e, o máis importante, facíalo merecidamente, con xustiza, sendo superior e practicando un gran fútbol. O nivel daquel equipo era moi, moi alto e aínda que o nome do rival impuña e tiñan futbolistas que logo foron importantes en equipos grandes, si é verdade que despois de ver na ida que eramos capaces tiñamos confianza.

Fomos sen medo, sen completos, como xogabamos nós entón todos os partidos. E estabamos tranquilos, coa sensación de saber que o iamos facer ben, que no partido podía pasar calquera cousa, pero que iamos estar á altura e iamos responder. Tiñamos claro que se seguiamos na nosa liña, ía ser complicado que nos levantasen a eliminatoria e así foi.

No momento que remata o partido sentes unha alegría inmensa; unha máis, porque iamos de celebración en celebración. O segredo de todo aquilo é que nos atopamos un grupo de xogadores que nos entendiamos, iamos todos a un tempo cun gran nivel futbolístico, xogando de ti a ti ante calquera. Foi a miña época máis bonita no Celta e seguramente una das mellores do club. Logramos unha satisfacción que nos gañamos a pulso.