Dando sempre os pasos que tocan

Juan Sánchez EX XOGADOR DO CELTA E AXENTE DE BRAIS

BANCADA DE RÍO

09 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A primeira vez que vin a Brais foi fai cinco ou seis anos, nun partido de xuvenís contra o Porriño. Era moi delgadiño, quedaba (e quédalle) moito por crecer, pero xa se lle vía talento, calidade, elegancia, esa zurda que ten. Cousas que che facían pensar que podía ser un futbolista con futuro. Pero o máis importante é que sempre foi un rapaz maduro, coas ideas claras e capacidade de traballo e sacrificio para conseguir as cousas. Ás veces hai xogadores que queren escalar tan rápido que se acaban caendo. Brais sempre soubo dar os pasos que tocaba, sen engurrarse por xogar co xuvenil cando estaba no filial ou baixar ao B cando xa estaba no primeiro equipo. Onte emocioneime ao saber da súa convocatoria como cando me chamaron a min, porque o que agardabamos é que puidese ter un oco na sub-21. O que está claro é que se Luis Enrique conta con Brais é porque tanto el como o seu equipo lle coñecen, saben que ten cualidades e que xa xogou partidos importantes e ten unha gran proxección. Ademais é un mozo tranquilo, que cando do club lle comunicaron a convocatoria pensou que era unha broma. Non temo que se deixe levar pola presión ou que isto lle afecte. Sempre tivo claro que o que quería era xogar no primeiro equipo do Celta e darlle alegrías á súa afección. Sabendo que o camiño era o traballo que agora lle leva á selección.