Hugo estreábase como goleador celeste fai oito anos

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

FRAN CARREIRA

Foi nun empate fronte ao Vilarreal B no que tamén marcou Iago

16 oct 2018 . Actualizado ás 16:44 h.

2010: Hugo Mallo marcaba fai hoxe oito anos o seu primeiro gol co primeiro equipo do Celta . Foi nun empate ante o filial do Vilarreal B (2-2) no que o vigués Iago Falqué abriu o marcador para o conxunto local e Iago Aspas empatou para que pouco despois o hoxe capitán puxese por diante aos seus. No último minuto de partido o conxunto castellonenco evitou que os celestes asinasen o seu sétimo triunfo consecutivo, aínda que si continuaban un refacho de dez partidos sen perder. 

Paco Herrera elixira para o seu once daquel encontro a Falcón, o propio Hugo, Jonathan Vila, Catalá, Roberto Lago, Bustos, López Garai, Joan Tomás, David Rodríguez, Álex López e Papadopoulos. En fronte estaban o que posteriormente se convertería en futbolista céltico Natxo Insa.

O seguinte gol de Hugo faríase agardar ata maio do 2015, no 3-2 ao Espanyol da última xornada dese curso en Balaídos no que dedicou o tanto a Oubiña, que acababa de anunciar a súa retirada e despediuse nese partido. Ao ano seguinte anotou en Mestalla (vitoria celeste por 0-2) e xa na tempada 2016/2017 logrou ata tres goles: ante Sporting e Deportivo en Liga e ante o Krasnodar en Europa League no que ata agora é o último tanto que conseguiu.