O presidente do Rápido considera «un roubo» a arbitraxe  fronte ao Celta B

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

FRAN CARREIRA

Manuel Pedro Seoane considera que o seu equipo se viu prexudicado polo colexiado

23 sep 2018 . Actualizado ás 14:59 h.

O presidente do Rápido de Bouzas, Manuel Pedro Seoane, estalou a través do seu perfil oficial de Twitter contra a arbitraxe do asturiano Pablo Fernández Pérez, que expulsou a dous xogadores do seu equipo por dobre amarela no derbi vigués fronte ao Celta B desta mañá no que os celestes venceron por 3-0. «O deste árbitro asturiano, incrible. Parcialísimo, abondoulle abrazarse a Mouriño e saír na segunda parte de celeste», escribiu o máximo dirixente do conxunto aurinegro.

Non foi o único chío en que mostrou o seu malestar. Tamén respondeu a un do tamén club vigués e, mencionando á súa conta oficial e á da Sede, escribiu: «Estaredes contentos do agasallo que vos fixo o áritro». Noutro, en diálogo cunha integrante do staff do Rápido escribiu: «Un puto roubo». Logo, en resposta ao seu xogador Carlitos Pereira falou de "chorizada".

Na web do club tamén se publicaron duras críticas que apuntan na mesma dirección e cuestionan se se actuou igual co equipo visitante en situacións similares. «Haberá que ver se este señor tería os bemoles de expulsar así a un xogador local», din.