Cúmprense nove anos do regreso do fútbol de Primeira a Balaídos

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vazquez

O primeiro partido da actual etapa na elite foi fronte ao Málaga o 18 de agosto do 2012

18 ago 2021 . Actualizado ás 18:13 h.

2012: Fai hoxe nove anos, Balaídos vivía unha tarde especial. Comezaba unha nova liga, pero non una calquera, senón a do regreso a Primeira despois de cinco anos na categoría de prata. O conxunto vigués descendera no 2007 e en xuño do 2012, unhas semanas antes do partido celebrado tal día como hoxe, lograba o ascenso directo con Paco Herrera no banco.

Os vigueses recibían ao Málaga nun partido que non é de bo recordo se se atende ao resultado, pero no que os locais deixaran boas sensacións no municipal de Balaídos. Xusto seis anos despois, o equipo inicia a que será a súa sétima tempada consecutiva na máxima categoría, nesta ocasión fronte ao Espanyol.

Naquel Celta -Málaga un gol de Fabrice cando faltaban só cinco minutos para a conclusión rematou coas esperanzas do celtismo de sumar naquel regreso. De feito, non sería ata a xornada tres cando chegarían os primeiros puntos dun equipo que aquel ano se salvou in extremis coa famosa permanencia do 4 %.

Dos xogadores aos que aliñou Paco Herrara aquel día de agosto do 2012 só permanecen no equipo Hugo Mallo e Iago Aspas. A maiores, no persoal continúa tamén Rubén Blanco . Aquel día homenaxeouse na previa aos galegos que participaran nos Xogos Olímpicos.