Un dianteiro de plenas garantías para Primeira

Alejandro Menéndez

BANCADA DE RÍO

Enric Fontcuberta | EFE

14 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Borja Iglesias está preparado para Primeira División desde hai moito tempo. Considero que o ano pasado xa o estaba polo seu xogo, madurez mental e o seu xeito de competir porque os estudos xa os acabou no Celta B.

E aínda que xa podía estar o curso pasado en Primeira o ano de Zaragoza permitiulle probarse nunha categoría na que nunca estivera, de feito moita xente tiña dubidas pero eu creo que se confirmou o concepto que tiñamos algúns del. Sabiamos que estaba preparado para iso e moito máis. Pasar por Segunda serviulle para confirmar o que se intuía, un xogador en progresión que crecera moitísimo o ano anterior.

Borja é un nove, pero suma para o equipo moitas cousas máis. Á marxe das súas cualidades individuais, creo que entendeu este deporte como algo colectivo e sabe competir. É un dianteiro que fai moitas cousas ben e ademais ten facilidade para facer gol, para min é un dianteiro de plenas garantías. Non só o vexo para marcar goles en LaLiga, senón creo que a Premier iríalle de marabilla polas súas características.

Que se pode acusar a presión por substituír a Gerard? A presión para triunfar no fútbol leva no sangue e un futbolista cando sae ao campo non está a pensar nesas cousas, senón que pensa na confianza que ten e en finalizar as xogadas que se lle presenten. Se empeza facendo goles, no entanto, irá todo moito mellor.

Considero que o ano e medio que estivo connosco axudoulle moito. Estivo moi ben acompañado e as súas características individuais aliñábanse perfectamente co equipo que tiñamos con xogadores de moita calidade ao redor e iso reflectiuse non só nos goles senón tamén no fútbol. Eu creo que aí deu un paso de xigante no deportivo e o persoal. Esixiuse moito máis, colleu o touro polos cornos e a partir de aí facer futbolista.