Giro total á campaña de abonados

La Voz

BANCADA DE RÍO

M.V.F.

O Celta suprime definitivamente a opción online que tanto potenciara

15 jun 2018 . Actualizado ás 23:10 h.

De querer fomentar por todos os medios que os afeccionados tramitasen os seus carnés de socios online a suprimir de raíz esa posibilidade. Ese foi o envorco que deu onte o Celta coa súa campaña de abonados. Todo, despois de que os problemas informáticos provocasen que, tres días despois da data fixada para que os trámites se puidesen facer a través da web do Celta , a tarefa continuase sendo un imposible.

O club vigués anunciara unha campaña innovadora. E a principal novidade xunto coas 2.500 primeiras altas sen cota e os carnés gratis para fillos de socios menores de cinco anos era a idea de evitar as colas. Para iso, mantíñase a opción da xestión presencial, pero sen o 5 % de desconto e pagando os días do club á parte. As vías alternativas, pagar en caixeiros de Abanca ou completar os trámites por Internet, non acababan de estar dispoñibles.

Ante este escenario, o Celta optou por medidas drásticas. A primeira é suprimir de forma definitiva a opción de renovar online, que inicialmente se pospuña -primeiro 24 horas, logo dúas máis e, finalmente, o mércores, ata novo aviso- mentres nos se solucionasen os problemas técnicos. Chama a atención que o club teña desistido de aplicar un sistema que ía estar dispoñible o martes á primeira hora da mañá (non se anunciou que non fóra a ser así ata que os afeccionados comezaron a comprobar por si mesmos que non funcionaba) e que, ao parecer, non foi posible solucionar en tres días nin tampouco nos próximos.

Para compensar, o club traslada as vantaxes aos despachos de billetes, onde ata agora se excluía de gozalas a quen expedisen alí os seus carnés. Así, os que queiran poderán optar polo método tradicional desde o luns sen a penalización, unha medida que solicitaran moitos afeccionados desde o mesmo momento en que se coñeceu a letra pequena da campaña. Ademais, o club optou por prolongar o prazo ata o 20 de xullo, cando inicialmente as vantaxes remataban o día 7.

Os caixeiros, a alternativa

Aínda que a principios de semana non funcionaban, onte algúns afeccionados aseguraban a través das redes sociais que xa lles foi posible formalizar os seus abonos a través dos caixeiros de Abanca. Estoutra vía segue vixente, aínda que o propio Celta informaba onte de que estaría dispoñible desde o luns.

Neste caso, o club mantén as vantaxes só ata o día 7 por cuestións técnicas. As críticas da afección por todo o sucedido volveron aflorar onte, con dúbidas como que pasa coa xente que vive fóra ou con quen xa renovaran en despacho de billetes sen vantaxes.