Un lateral zurdo físico e moi bo tecnicamente

Richy Álvarez

BANCADA DE RÍO

CESAR QUIAN

01 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

David Juncá é un xogador novo, con moita proxección, con moi bo golpeo de balón e moi forte fisicamente. Creo que se pode adaptar moi ben ao estilo do Celta . En categorías inferiores do Xirona sempre xogara como interior ou como extremo esquerdo, cando eu cheguei coincidiu co seu debut no primeiro equipo e fíxoo exercendo como lateral esquerdo. Ese pasado como extremo explica por que ten tanto percorrido. É un futbolista que é moi bo tecnicamente e axustouse perfectamente á posición de lateral. Defensivamente é un torete de xogador e o xogador que teña diante pode estar tranquilo porque lle dobrará todo o partido.

Sobre se pode aspirar á titularidade no Celta , por suposto. Haberá que agardar para ver que sucede con Jonny, se continúa ou non no equipo, pero creo que Juncá podería disputarlle o posto porque, sen menosprezar a Jonny, David é de pé zurdo e xogaría na súa banda, ten moi bo golpeo de balón, pode meter centros e se está ben fisicamente, pode competir con calquera.

Aínda non se sabe como quererá xogar o novo adestrador do Celta , pero polo que parece, creo que Juncá pode encaixar perfectamente, sobre todo, visto que nos úlitmos anos o club sempre quixo xogar ao fútbol con moito toque de balón. A el gústalle ese estilo de xogo, ten bo toque, pode pór centros e tirar faltas, polo que coinciden no estilo.

Cando eu cheguei ao Xirona Juncá era un chavalito, saía de xuvenís e era un mozo da casa, moi campechano e moi humilde, como segue sendo agora. Como persoa, moi bo. Non se lle subiu á cabeza estar en Primeira División.

Baixo o meu punto de vista, Juncá é un futbolista con moita proxección. Coa idade que ten, 24 anos, ten moita marxe de mellora e pode seguir crecendo da man dos adestradores que lle dirixan. El é un xogador que está sempre disposto a aprender do técnico e os compañeiros e creo que lle pode achegar moito ao Celta . Paréceme unha gran fichaxe. 

*Richy Álvarez é exfutbolista vigués, canteirán do Celta que coincidiu con Juncá no Xirona.