Solidez e pegada, o cóctel perfecto

x.r. castro VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O Celta B encadea cinco triunfos noutros tantos partidos sen encaixar e está ás portas do play-off

15 abr 2018 . Actualizado ás 22:55 h.

O Celta B converteuse en todo un especialista defensivo. Á calidade e velocidade que os celestes traían de serie ao principio de tempada, e tras unha prolongada travesía polo deserto, os vigueses sumaron unha disciplina na retagarda máis propia de conxuntos experimentados que de equipos en fase de formación. E esa orde permitiulles onte sumar a súa quinta vitoria consecutiva sen encaixar gol algunha ante unha Ponferradina que fixo honra ao seu status pero que rematou claudicando ante unha contra postremeira finalizada por Dennis Eckert e que coloca aos vigueses ás portas do play off de ascenso, cos mesmos puntos que o Rápido, que é cuarto.

A historia comezou con intercambio de golpes durante o primeiro tempo. A Ponferradina mandou durante media hora e fabricou tres ocasiones por mediación de Yuri, que foi un encordio para a zaga celeste, e un último cuarto de hora onde o Celta B tivo claras ocasións de adiantarse no marcador.

Yuri comandou todos os avisos bercianos. No primeiro, mesmo chegou a superar a Sotres pero Alende sacou baixo paus. No segundo atopouse cunha man de Sotres e no terceiro o seu cabezazo non colleu portería. Todo, acompañado dunha presión alta que non deixaba saír ao rival e dunha defensa de tres centrais que o varría todo.

O Celta B apenas divisou a portería de Mandaluniz ata a media hora, pero cando o fixo estivo preto de abrir o partido. A ocasión máis clara foi un centro de Juan Hernández pero o balón quedoulle un pasou atrás a Drazic na área pequena con todo a favor. Pero Dennis tamén puxo a proba ao porteiro visitante cun disparo afastado, mentres que outro de Agus Medina saíu demasiado cruzado.

O segundo tempo rexistrou unha pequena alteración do guión. A Ponferradina seguiu co control do partido a través do balón, pero o Celta B atopou espazos para correr o contragolpe e Juan Hernández dispuxo dunha ocasión moi clara que acabou no lateral da rede mentres que Mandaluniz adiviñou o disparo de Drazic desde a frontal. E tras un aviso que non concretou Yuri, chegou a estocada final do filial céltico. Agus avisou cun disparo axustado ao primeiro pau, o árbitro se desentendió dunha clara patada sobre o 11 celeste dentro da área berciana, pero Dennis Eckert rematou por decantar a balanza. O alemán aproveitou un centro de Juan Hernández e un mal despexe de Rios Reina para golpear o balón con todo a alma e encaixalo no fondo das mallas cando faltaban seis minutos para a conclusión do duelo.

Case sen tempo, a Ponferradina comezou un insulso bombadeo de balóns sobre a área local e Sotres respondeu cunha boa man ao disparo envelenado de Miúdo. O colofón que reivindica a un equipo que en febreiro parecía case de vacacións e que en abril avista a promoción desexada.