Un tira e afrouxa no que ninguén afrouxa

BANCADA DE RÍO

Óscar Vazquez

27 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa dixo Vujadin Boskov que «o fútbol é impredicible porque todos os partidos empezan 0-0». No caso do choque que enfronta ao Real Club Celta co Concello de Vigo, poderiamos dicir que resulta moi arriscado facer ningún tipo de prognóstico. Estamos ante un deses encontros aloucados nos que todo son sobresaltos. Que se compro Balaídos, que se non vendo; que se me vou de Vigo, que se nunca che irás; que se empezo por Mos, que se non che deixo... ¡Menos mal que Mouriño e Caballero pactaran! Presidente e alcalde teñen unha relación de amor-odio que empeza a ser inentendible. Axiña que se lles ve pondo a primeira pedra do novo Balaídos como botándose os trastes á cabeza polas obras, axiña que se poñen a xogar aos chineses como a pór dentes con Feijoo diante das cámaras. Estamos nun tira e afrouxa no que ninguén afrouxa. O dirixente celeste xa demostrou coa sede recentemente estreada na rúa do Príncipe o perseverante que pode chegar a ser, pois non aceptou a negativa en primeira instancia da asemblea de socios do Mercantil a vender o inmoble. E o rexedor vigués deu sobradas mostras ao longo destes anos de que se se empeña en facer unha cousa, faina contra vento e marea. Veremos como acaba este pulso por patrimonializar o club de Vigo. E se acaba en Mos.