Lle-chuzas, onde o celtismo é sinónimo de diversión

BANCADA DE RÍO

CEDIDA

A pena viguesa chegou fai tres anos co obxectivo de non pasar desapercibido nas súas iniciativas de apoio ao club

15 ene 2018 . Actualizado ás 13:05 h.

Hai penas celtistas ás que se lles ve ás leguas desde momento no que empezan a asomar que chegaron para quedar. É o caso da viguesa Lle-chuzas Celestes, colectivo celtista que naceu con vocación de non pasar desapercibido nas súas iniciativas de apoio incondicional ao Celta e que nos tres anos de vida que cumpriu fai unhas semanas conseguiuno con fartura. A súa máxima é facer cousas diferentes» para contribuír a fomentar o celtismo.

As súas orixes están no campo de Barreiro. Algúns membros proceden doutras penas, pero por mor de ir animar ao filial un domingo tras unha noite de festa, empezouse a crear un grupo que foi a máis. «Igual estivemos un par de anos ou ano e medio pensando en opcións de nomes ata que por fin a federamos», lembra a súa presidenta, Marta Saiz, antes una das grandes cabezas visibles de Blau Cel. A propósito do nome, conta divertida que igual é mellor non profundar moito, pero deixa claro que o guion non é casualidade.

Inicialmente eran uns dez amigos, pero a cousa foi crecendo a toda velocidade desde o principio ata acadar os ao redor de 170 que son agora. Deles, ata 30 ou 40 permanentemente activos que son os que sosteñen a Lle-chuzas mediante a organización de previas, viaxes, comidas e o que vaia xurdindo. Marta lembra con especial cariño o Lechu-bus co que percorreron Vigo o día da semifinal de Europa League. «Foi moi especial. Só o sabía a directiva e foi un momento súper chulo, un puntazo. A xente podíase subir gratis e flipaba. Dicía: ‘¡Estes están chalados!'. Foi un dos mellores días das nosas vidas».

A clave para ter crecido tanto en tan pouco tempo, valora Marta, é «ser unha pena onde todo vale e todo o mundo é benvido». «Temos xente de todas as idades, moitas mulleres, gústanos facer cousas e nada nos dá vergoña. Gozamos do equipo, pero coa idea de animar e pasalo ben», recalca. Os únicos requisito para formar parte da pena é ter ganas de «pasalo ben, divertirse, facer piña e animar ao Celta ». Adoitan «patrocinar entre comiñas» as viaxes para que os integrantes teñan todas as facilidades posibles. «Vendemos lotería e outras cousas diferentes para intentar ter uns fondos que nolo permitan», explica.

Co fútbol e o celtismo como pretexto que sempre está presente, xurdiron outros vínculos. «O balance é positivo sobre todo pola xente que che atopas no camiño. Xorden amizades, novos noivados... O Celta é moi importante, pero tamén unha escusa tamén para xuntarnos, coñecer xente que a día de hoxe forma parte da túa vida e da túa familia», debulla. Nesa familia xogan un papel importante os nenos. «En Entroidos levámonos a Xixón aos máis pequenos para que sexan partícipes desde moi pronto do Celta e do ambiente tan san que temos, de estar sempre xuntos», comenta. Son habituais as comidas de peñistas os días de partido, así como a final de tempada e agora que se aproximan o Nadal.

LECHUZAS CELESTES

Manteñen unha relación moi estreita tamén coa maioría das restantes penas celtistas. «Colaboramos moito con todas, igual un pouco máis con Natxo Insa, Lea en Río, Fútbol de Salón, Preferencia, Sobran vos motivos ou Irmandiños, que se por exemplo montan un bus e hai xente da nosa pena que quere ir, pois vai con eles», ejemplifica. Nunha das súas sedes, The Movie, coinciden habitualmente con celtistas doutras agrupacións. Eles, a maiores, teñen dous máis, 986 e A Goulette.

Aínda que sopesaron concentrarse na Bancada 1923, a limitación de idade foi un problema ao contar con nenos. Ao final formaron un grupo cada vez máis consolidado en Marcador. «Fixémonos un pequeno oco nunha zona onde vimos bastantes sitios baleiro e estamos na zona de Centolos, cun bombo e pancarta propia, que ata agora non tiñamos», destaca. Un pequeno paso máis: «Aos poucos crecemos de xeito máis visual de cara ao exterior e temos máis presenza», sinala.

LECHUZAS CELESTES

Entre os proxectos futuros que teñen entre mans está a Lechu Parade unha festa anual que teñen en mente empezar a promover, pero para a que aínda non fixaron unha data concreta. «Queremos un evento onde poidan ir peñistas, como unha pequena romaría diferente á que se está facendo. Nunha fina ou casa rural e que sexa aberta a todo o celtismo», expón Marta. A iso sumaríanlle uns premios: «O que nos gusta é facer o chorra, facer o parvo. Ante todo somos unha pena divertida».