O último da fila

Xosé R. Castro FONDO NORTE

BANCADA DE RÍO

13 oct 2017 . Actualizado ás 09:50 h.

Sergio Álvarez é (ou polo menos o parece) o último da fila na escala de prioridades do Celta á hora de afrontar a renovación dos xogadores do primeiro persoal. Hai tempo que se fala de negociacións estancadas con Wass e Radoja, pero polo menos no seu día deuse o primeiro paso. No caso do porteiro de Catoira, simplemente a partida non comezou. E se algún día comeza, durará cinco minutos. Porque mesmo nesta situación O Gato segue sendo, por amais de todo, un home de club.

O xeito de operar da cúpula céltica confirma unha máxima: a Sergio todo o que conseguiu custoulle máis que os demais. Pouco importa que sempre teña dado o nivel cada vez que tivo oportunidade de xogar, que estea disposto a acudir a calquera acto ou a representar ao club alén do planeta. Ao de Catoira sempre se lle mirou con lupa, especialmente no ámbito deportivo e por parte de todos os estamentos, un sector da afección incluído.

Dá a impresión que ninguén (ou moi poucos) paráronse a pensar no que representa. Un exemplo de traballo para todos os canteiráns (o primeiro en chegar e o último en irse cada día), un exemplo de educación deportiva (nin unha mala palabra cada vez que lle agardaba o banco, que ocupou durante longas tempadas) e unha dispoñibilidade absoluta para todo. E por amais de todo, comportarse sempre como unha persoa normal. Talvez ese sexa o gran pecado do Gato.