Carmen colle a Tim e vaise a vivir a Portugal

Martín Bastos

XENTE

Martínez-Bordiú quere vivir fóra dos focos a súa relación co «coach», que é moi tímido, non quere protagonismo

07 jul 2018 . Actualizado ás 17:15 h.

Agora que ten na man o título de duquesa de Franco, Carmen Martínez-Bordiú decidiu que se vai de España. Márchase a Portugal a levar unha vida tranquila no campo co seu novo amor, o coach Timothy McKeague. Din que é a persoa que lle deu a paz e tranquilidade que necesitaba nestes momentos e o apoio para superar a morte da súa nai. A verdade é que a diferenza entre o seu antigo noivo, Luis Miguel Rodríguez -máis coñecido como o chatarrero, que agora sae con Ágatha Ruiz da Prada- o actual, é notable. A min este tenme un aire a aquel Darek que estivo con Ana Obregón, pero con algún aniño máis. Din que os dous queren vivir a súa relación fóra dos focos, e que Tim, que é moi tímido, non quere protagonismo. Carmen, pola súa banda está ata o moño das polémicas sobre a familia Franco.

un mal momento

Todos pendentes de Alex. Moito se falou nos últimos meses de Alex Lequio, o fillo de Ana Obregón e o conde do mesmo nome. Sabemos que está en EE. UU. recibindo tratamento no Memorial Sloan Kettering Cancer Center. Pero a información chega con contagotas. Hoxe inclúoo na lista porque esta semana houbo unha gran expectación ante a súa suposta aparición en España, o xoves, para a inauguración dun restaurante. Uns dicían que viña e outros que non, e ao final gañaron os segundos. Foi o seu pai o que acudiu á presentación porque, ao parecer, os médicos non lle deixaron viaxar desde o outro lado do atlántico. A familia está pasando un momento duro con todo isto, non mo podo nin imaxinar. O seu pai apareceu o xoves visiblemente afectado ante os medios. «Cústame manter un sorriso pero é o que hai que facer. -explicou Alexandro Lecquio- El quería vir, non só a isto, senón para estar coa familia, para estar en casa... para afastarse do día a día do hospital pero desaconselláronllo por completo. Eu veño suplir a súa ausencia». Pois agardamos, de verdade, que pronto teñan boas noticias.

outra mala noticia

Aquilo de que veñen todas xuntas tamén o vou a aplicar á miña crónica diaria, témome. Porque quería acabar con algo máis lixeiro pero topeime coa noticia de que Terelu Campos ten outro tumor e terá que ser intervida nos próximos días no Hospital Universitario Fundación Jiménez Díaz. Xusto hai un ano anunciara que estaba curada, así que isto vai ser un duro golpe para ela, e os millóns de mulleres que loitan contra esta enfermidade sábeno mellor que ninguén. Igual que Álex Lequio, Terelu está nas mellores mans, porque a verdade é que aquí tamén temos grandes profesionais.