Son malas as gulas?, como debe cocerse a quinoa?

L. G. V.

TRUCOS

Se tes preguntas sobre nutrición, receitas ou mesmo protocolo na mesa, deixa a túa consulta na caixa de correos gastronomia\lavoz.es e os profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia sacaranche de dúbidas

07 ene 2021 . Actualizado ás 13:38 h.

Infoxicación. É o que sofren, en boa medida, os amantes da cociña que pululan polas redes sociais e acaban saturados de tanto dato contraditorio. Por non falar da cantidade de ingredientes novos que parecen converterse en indispensables da noite para a mañá. Terán algúns en mente. De feito, ata algunha pregunta dun lector sobre como cocer a quinoa parece no ano 2019 vintage; ao que se chega... Non é a única cuestión relacionada co xeito de preparar un ingrediente para sacarlle todo o partido e, por suposto, nesta ocasión tampouco podía faltar a habitual oda aos conxelados. Vexamos que teñen que dicir nesta ocasión os profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG).

Para que serven as ñoras?

A ñora é un tipo de pemento moi empregado na cociña mediterránea. Adoita utilizarse en sofritos para calquera tipo de prato, pero vese sobre todo en arroces. Normalmente comercialízase deshidratada e, para a súa utilización, adóitase quitar o pedúnculo e as súas pebidas, hidrátanse en auga fría o tempo que sexa necesario e logo quítaselles a pulpa raspando cunha culler. Tamén se lles pode dar un golpe de fritura, deixalas repousar e posteriormente quitarlles tamén a pulpa ou triturarlas cun brazo que quede moi fino. Dan un toque de cor e sabor característico aos pratos.

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Como hai que cocer a quinoa?

Xeralmente nos envases vén indicado como se debe cocer a quinoa, aínda que non está de máis pór os pasos a seguir:

  • Lavar con auga fría
  • Cocer a quinoa como indica no envase (xeralmente o dobre de auga que de quinoa e aproximadamente uns 15min.)
  • Escurrir o exceso de auga
  • Deixar secar no mesmo recipiente tapado

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Canto tempo pódese ter un fumet no conxelador?

Un fumet admite moi boa conxelación e pódese conservar durante polo menos tres meses.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG.

É malo comer gulas?

Non debe ser un alimento de primeira elección xa que, aínda que normalmente podemos asocialo nutricionalmente ao peixe, a realidade é que é un produto procesado que contén ademais de peixe e marisco, unha porcentaxe moi elevada de almidón (ao redor do 50 %), aceite refinado e potenciadores do sabor. Se queremos comer peixe optemos por calquera peixe branco ou azul, que se tarda o mesmo en facelo á prancha que en saltear unhas gulas.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG.

Como hai que baleirar as berenjenas para non esnaquizalas?

Para baleirar as berenjenas o primeiro que hai que facer é quitar o pedúnculo (que é a parte que pica); acto seguido fáiselle un corte lonxitudinal e unha vez feito isto quítase a pulpa con culleriñas vaciadoras. Outra posibilidade se non queremos a pulpa completamente crúa, poderiamos facelo un pouco no microondas e, posteriormente, realizar o baleirado. 

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

outras dúbidas resoltas en sabe ben