Marisco de saldo: os produtos que baixaron de prezo polo peche da hostalería

L. G. V.

MÁIS ACTUALIDADE

Fonte: Peixe Artabro

A pandemia, e máis concretamente o peche de bares e restaurantes, provoca rechamantes caídas no prezo da centola, a nécora ou as ameixas. Podemos comprar agora e gardar o marisco para Nadal? Contámolo

24 novs 2020 . Actualizado ás 10:14 h.

«Debido á pandemia e ás restricións en hostalería, este ano está a ser moi inusual no que a prezos se refire. Por estas datas entre as ceas de empresa, os encontros de amigos e as compras do Nadal, o marisco e o peixe estarían polas nubes. Pero as circunstancias tan raras afectaron tamén aos prezos nas lonxas». Efectivamente, como explican desde a compaña Peixe Ártabro, as cousas andan revolucionadas. O feito de que grandes compradores teñan os seus bares e restaurantes pechados na comunidade galega xerou un efecto dominou que provoca que os consumidores poidan facerse con pezas de altísimo valor económico nesta época do ano, a un paso do nadal.

É o caso da centola, a nécora, os berberechos ou as ameixas, «que estes días se atopan un 30 % máis baratos que a estas alturas do ano no 2019». Ademais, comentan desde esta compaña de distribución de peixe con sede na Coruña, «no caso das centolas, están a saír moi boas para ser inicio de tempada». No entanto, lembran que non hai que confiarse e demorar, se interesa, a compra destes produtos porque «a lonxa é como a bolsa e que todos os días fluctúan os prezos e é moi difícil prever os prezos para dentro duns días, dependen da demanda e das capturas que se fixeron ese día». No terreo dos peixes, descobren o que está especialmente económico respecto do seu valor habitual. Trátase da robaliza. «Estes días houbo abundante e a bo prezo para este momento do ano, custando entre entre 18 e 23 euros o quilo». 

Esta información é relevante para aqueles que queiran darse unha homenaxe estes días, pero que pasa coas ceas e comidas de Nadal? Independentemente de como estea a normativa ao redor das reunións dentro dunhas semanas, quen máis quen menos ten previsto, polo menos, degustar algún manxar típico da época. Por iso é interesante saber que peixe e marisco podemos comprar agora a un prezo alcanzable para gardalo no conxelador. Desde Peixe Ártabro, que ten venda telefónica e online, aseguran que por exemplo, as nécoras e as centolas, igual que bogavantes, lagostinos e camaróns, aceptan boa conxelación, aínda que sempre unha vez se estean cocidos. Para conxelar hai que deixar arrefriar o marisco cun pano que estea húmido dela gua de cocción para que non quede seco, despois envolverase nun filme ou unha bolsa de conxelación para evitar que quede aire». Un punto moi importante, engaden, é «cociñar ben o marisco, se non se coce o suficiente unha vez o descongelemos pode estar estragado, e é unha pena». Canto tempo deben estar estes produtos na pota? Dannos os tempos nesta distribuidora:

  • Bogavante: entre 15 e 25 minutos en función do tamaño da peza
  • Centola: debe cocerse boca arriba, ben cuberto de auga entre 12 e 18 minutos, tamén dependendo do seu tamaño
  • Nécora: entre 6 e 8 minutos, segundo o seu tamaño
  • Lagostinos: entre un minuto e medio e 3, tamén acorde ao tamaño do produto
  • Boi de mar: entre 16 e 30 minutos depediendo do tamaño da peza. 

De nada serve ser tan meticuloso nestes pasos se, despois, non tomamos precaucións á hora de descongelar o marisco. «O ideal é sacalo unhas horas antes e descongelarlo na neveira con tempo, nada de descongelarlo con présas debaixo da billa con auga quente: iso fará perder o produto por completo».

Respecto ao marisco de cuncha, terán comprobado que non houbo mención algunha respecto ao conxelado. Efectivamente, non se recomenda conxelar «ameixas, navallas, berberechos nin, por suposto, percebes».