O brunch desvergoñado escríbese con «d»

MARCO SORIANO

MÁIS ACTUALIDADE

cedida

A principios desta década comezou a soar o brunch. Agora, xa afianzado este almorzo-xanto, chega con forza o drunch, unha versión máis xuvenil e adaptada aos gustos do sur de Europa, nos que a música e o horario tardío teñen tamén protagonismo. Que aproveite

20 dic 2018 . Actualizado ás 16:55 h.

Recentemente, nunha viaxe a Centroeuropa chamoume a atención que é frecuente que grupos de mozos amigos queden todos os domingos para tomar o brunch. Hai unha serie de locais que se especializaron neste almorzo-xanto dominical e conseguiron que sexa un xeito de alimentarse moi divertida, ademais de variada e saudable, acompañada de exclusivos cócteles e música moi actual. No noso país, este costume que saíu dos hoteis a principios da década, hoxe en día afianzouse e é habitual atopar locais que ofrecen este formato que permite que cada comensal adapte o menú aos seus gustos. É unha forma diferente de socializar á vez que se goza dun produto de boa calidade.

Agora chega con forza o drunch, que o poderiamos definir como unha comida tardía ou unha cea a deshora, que trata de competir cos afterworks. Un tipo de reunión que se adapta á idiosincrasia do Sur de Europa. De feito, adóitase celebrar á saída do traballo e é máis completo en pratos que o famoso aperitivi italiano, con cócteles contundentes e bocados máis elaborados. É imprescindible a presenza dun bo disc jockey para darlle o máximo ambiente festivo a esta especie de brunch desvergoñado do que só saberemos a hora de comezo e que deixará nos asistentes un gran sabor de boca.

Abastos 2.0 en Santiago, un local que sempre se caracterizou por ir por diante en moitas das súas propostas, foi un precursor deste tipo de reunións gastronómicas e algúns chefs galegos xa están a tomar nota desta, que neste Nadal podería concretarse con reunións deste tipo nalgúns dos mellores restaurantes.

tamén en sabe ben