Aterra o último: cociña sostible

MÁIS ACTUALIDADE

Verónica Vázquez Vázquez

Nun recuncho afastado da mirada dos curiosos, pero no corazón da cidade coruñesa, asentouse un restaurante que incorpora un novo concepto ao mapa gastronómico galego

29 oct 2018 . Actualizado ás 17:25 h.

 Nun recuncho afastado da mirada dos curiosos, pero no corazón da cidade coruñesa, asentouse un restaurante que foxe da mesa tradicional e incorpora un novo concepto ao mapa gastronómico galego. Eclectic é o nome da aposta que lideran desde fai tres anos o arxentino Sergio Musso e o catalán Paco Chicón. Funcionan só previa reserva e a súa carta ofrece tres tipos de menú que varían mes a mes, para adaptar os seus pratos aos produtos de tempada. O Eclectic importa conceptos propios das grandes cidades. O persoal de traballadores é flotante, segundo a demanda. E a cociña adáptase á demanda de cada día grazas a que é necesario reservar para poder comer nun cómodo salón que acrecenta o carácter hogareño do local presidido por unha biblioteca e unha ampla colección de esculturas de vidro da artista coruñesa Julia Ares. Musso e Chicón comparten espazo nos fogóns e trasladan unha fusión das experiencias acumuladas ao longo do seu percorrido vital polos cinco continentes. Chegaron a esta beira do Atlántico case por casualidade. Ían buscando unha casa rural para facer un hotelito e acabaron nos arredores de María Pita atraídos pola luz do Finisterre e a calidade do próximo mercado de San Agustín no que enchen a súa despensa cada día. Nos menús, de pratos abundantes, destacan as mesturas de sabores que esbozan un completo mapa da gastronomía galega. Para non perderllo.