A poula: sabores de sempre cun estilo moi propio

CRÍTICAS GASTRONÓMICAS

CARMELA QUEIJEIRO

Durante a semana conta cun menú fixo con propostas atractivas, mentres que para as noites da fin de semana oferta opcións máis canallas e de estilo rueiro

08 may 2021 . Actualizado ás 23:20 h.

Así como as terras de cultivo necesitan en ocasións un descanso para recuperar a súa produtividade, hai veces nas que os cociñeiros precisan apagar os fogóns durante un tempo para reformularse ideas e crear novas propostas coas que seguir facendo gozar aos seus clientes. Tras pechar as portas de Gastromanía, o negocio que puxo en marcha no 2011 en Palmeira (Ribeira), Nacho Rodríguez Bello optou por escribir un novo capítulo coa poula, un local cunha proposta atractiva na que os sabores de toda a vida serven de fío condutor. «Intentamos que sexan pratos que apetecen a diario, afastándonos un pouco deses ceviches ou marinados que faciamos antes, pero dándolle sempre o noso toque persoal», resume o cociñeiro. Durante a semana conta cun menú fixo -consta de aperitivo, tres entrantes, dous segundos a elixir e unha sobremesa- que elabora con mimo con produto de proximidade e coidando ao detalle os puntos de cocción. Así, un pode atoparse desde atún escabechado con mazá e chile a uns mexillóns con curry vermello, limón e pipas de cabaza ou os sabores tradicionais dunhas cocochas de pescada en salsa verde, un fideo caldoso de sargo e ourizos ou un arroz de galo celta. Para as noites da fin de semana, opcións máis canallas, nas que destacan a hamburguesa de tenreira con ovo roto, queixo do país, salsa romesco e maionesa da casa e o bocadillo de pito crocante con salsa de chile e crema de allo e lima.

Prato estrela | Caldito de cocido e o noso «bolo do pote» recheo

CARMELA QUEIJEIRO

Elaboran durante horas un caldo dos de toda a vida, con óso de xamón ibérico, lacón e pito, entre outros ingredientes. O bolo do pote faise con masa de pan bao, énchese da mestura do cocido e, en lugar de cociñalo ao vapor, mergúllase no caldo. Unha auténtica explosión de sabor.

Quen son?

ONDE ESTÁN

Cale norte, 22. Na estrada que une A Pobra con Ribeira.

HORARIO

Venres, sábados e domingos de 13.00 a 16.00 e de 19.30 a 22.45 horas. .

RECOMENDA

Gozar dun menú fixo cheo de contrastes entre sabores de sempre e toques modernos e acertados.

Prezo

De 35€ A 40€