Toda a verdade e máis nada que a verdade

CRÍTICAS GASTRONÓMICAS

MONICA IRAGO

11 feb 2019 . Actualizado ás 17:20 h.

Hai máis verdade na cociña do Tío Benito que en mil tratados de moderna gastronomía. Por moito que unha cousa non estea rifada coa outra. Non en balde, cando nunha entrevista nun medio nacional preguntáronlle a Pepe Solla onde iría comer, dixo «ao Tío Benito, de cabeza».

Alleo a tendencias, O Tío Benito consolidouse, desde Barrantes, como singular referente diso que hoxe os restauradores chaman, non sen certa grandilocuencia, cociña de mercado e que aquí, de toda a vida, foi e segue sendo cociña popular. Irene Lojo, artífice da oferta diaria do local, resúmeo perfectamente. «O que fago cada noite é simplemente pórme no sitio do cliente e pensar que me gustaría comer ao día seguinte». O froito desa reflexión é unha pequena folla escrita a man que cun clip encóstase á non moi extensa carta. Esa folla é un tesouro. Case nunca falta unha sopa ou unha crema de verduras, os estrañados e infrecuentes potaxes, o noso caldo, uns callos, unhas fabas con ameixas... E o que impoña a tempada e ofreza a praza de abastos. Agora poden ser os chocos (sublimes na súa tinta), despois a jivia e xa preto da primavera o pinto ou a maragota.

Con todo, non convén desmerecer os pratos fixos da carta: o bacallau á prancha, os míticos petiscos, o xamón asado ou o cordeiro son elaborados e presentados co mesmo ideal de respecto polo produto fresco, variado e equilibrado. E cunha inmellorable relación calidade-prezo.

prato estrela

MONICA IRAGO

Cocido galego. A INELUDIBLE CITA DOS XOVES. Non é unha metáfora. Os xoves de inverno os clientes realmente chegan en peregrinación. Auténticos devotos dun cocido que Saladina Abal pon na mesa desde hai 30 anos. Sen que nada teña cambiado. Con verduras das hortas do Salnés (este ano, nabicol e repolo), garavanzos, cacheira, lacón, costela e chourizo de porco do país e patacas vermellas de Xinzo. «E a fartar». Por 14 euros. Ou 17,50 se se acompaña dunha nutriente e revitalizante sopa.

prezo

De 15 a 20 euros