Os mandamentos que debes ter en conta ao pedir comida a domicilio

SABE BEN

A experta en seguridade alimentaria Patricia Beiro aclara que envases pódense meter no microondas, como debemos conservar os pratos e a marxe que temos para o seu consumo antes de que se estraguen

02 feb 2021 . Actualizado ás 11:21 h.

Toda Galicia ten de novo a hostalería funcionando a medio gas. Como o contexto obriga a reinventarse, e salvar o negocio pasa en boa medida polo envío de comida a domicilio, quen máis quen menos xa se apuntou ao sistema de delivery . Agora ben, tanto hostaleiros como usuarios deben ter en conta unha serie de medidas para garantir o benestar dos alimentos e evitar, en consecuencia, posibles intoxicacións ou, nun grao menor, desgustos ao recibir a comida. A experta en seguridade alimentaria Patricia Beiro aclara as dúbidas máis comúns para que os neófitos poidan actuar con responsabilidade. 

Un alto no camiño antes de enumerar consellos. «Non hai evidencias de que o covid-19 se transmita a través dos alimentos, así que por ese lado hai que estar tranquilos. Agora, hai que extremar as precaucións á hora de abrir a porta ao repartidor e, xa á marxe, ser escrupulosos coa manipulación dos pratos». Continuamos.

Que envases podo meter no microondas

O bum do servizo de comida a domicilio choca co compromiso ambiental por unha razón sencillísima: a maioría dos envases que envían os restaurantes son dun só uso. No entanto, cada vez está máis estendido o uso de alternativas sostibles como os recipientes de cartón ou cana de azucre. Estes últimos e os de plástico etiquetaxes con algún destes díxitos: 3,4 ó 5 (aparecen encerrados nun triángulo de frechas), indica Beiro, si se poden meter no microondas. Non sería recomendable, con todo, quentar elaboracións no microondas que estean en envases de aluminio ou de cartón se este está pintado, «pois a tinta pode pasar aos alimentos».

Podo darlles outros usos en casa a estes recipientes?

«A calidade dos envases que nos envían os restaurantes é regulera, así que mellor refugalos ou, se non hai máis remedio, podemos utilzarlos parar gardar produtos que non nos vaiamos comer», comenta esta experta.

Ollo coas salsas

«Partindo a premisa de que o máis intelixente é pedir comida a restaurantes que nos ofrecen confianza, se imos pedir un prato con salsas é importante que veñan separadas do resto de elaboracións para que non estraguen o acabado dos pratos e texturas como as frituras». Coas pastas pasaría un pouco o mesmo, pode pasarse facilmente o punto de o  alimento central, e dar ao traste co prato. Doutra banda, respecto ao temor que algúns senten por alimentos como a maionesa, culpable de numerosos casos de salmonelosis, Beiro lembra que as motos hoxe en día están totalmente adaptadas para manter as condicións de frío ou calor que requiren todos os produtos.

Canto podo agardar para tomar a comida?

«O consumidor ten que saber que o maior risco se corre cando temos a comida elaborada a temperatura ambiente. Pode aguantar, en termos xerais, unhas dúas horas; pero o mellor é deixala na neveira». O sushi, un dos pratos máis pedidos para tomar en casa, suscita infinidade de preguntas: «Se o deixamos no frigorífico consérvase, como moito 24 horas, pasado este tempo é mellor non xogarlla». Cos restos dunha comida quente, á hora de recalentarla, Beiro indica que o fundamental é «que se acaden os 70ºC no centro do alimento para matar as posibles bacterias».