Frabisa: «A masa de empanada da miña tía Aurita rompeu todas as previsións»

SABE BEN

Entramos en fariña con Isabel Fraga, unha das blogueras de cociña de máis éxito que acaba de sacar á venda «Cociñando en casa», o seu primeiro libro de receitas. Seguro que non será o último

05 novs 2020 . Actualizado ás 12:22 h.

Se digo Isabel Fraga igual non di nada, pero se digo Frab e despois Isa (Frabisa) seguro que a moita xente lle vén á mente o blogue lacocinadefrabisa que se publica na páxina web de La Voz de Galicia e no suplemento Hum! que sae co xornal unha vez ao mes. E hai que nomeala porque as marabillosas receitas desta experta cociñeira xa se poden atopar en formato libro. Acaba de publicar Cociñando en casa, un recetario que seguro que se converte nun indispensable nas cociñas galegas.

—Imaxínome que ver as túas receitas nun libro é un soño cumprido...

—Pois si. Foron os lectores os que empezaron preguntando que cando ía sacar un libro. E esa idea aniñou na miña cabeza. E chega un momento que dis, ¡home pois si! Posiblemente poida facer un libro. E empezou así. E cando aínda amais tes a sorte de que a editorial da túa propia cidade confía en ti (Hércules de Edicións), é un soño que ves que si pode cumprirse.

—O covid tróuxoche de rúa...

—Complicouse todo un pouquiño porque xa o iamos sacar antes do verán para que puidese estar na feira do libro da Coruña e logo noutras feiras de Galicia, pero todo se tivo que interromper e, bo, pensamos que mellor o deixabamos para máis adiante, que a cousa ía estar mellor e fíxache ti, en que momento. Pero bo temos que convivir con isto e seguir adiante porque se non, non facemos nada.

—É un libro ao máis puro estilo de Frabisa.

—Si, os lectores vanse a atopar con receitas do día a día. Receitas salgadas e doces. Aínda que teño un público amplo ao que lle gustan moitísimo as miñas receitas doces, sempre tiven claro que ía querer publicar de todo porque a idea desde o principio, igual que co blogue de cociña, é chegar a todo o público, sobre todo, á xente nova para que cociñe en casa. E aparecen unha serie de receitas que son moi emblemáticas e que tiveron moitísimo éxito no blogue para que a xente cociñe todos os días. A cociña doce é estupenda, pero é máis para a fin de semana. Pero todos os días temos que cociñar en casa. E tamén manter esas receitas tradicionais, que non se perdan, que se saiba como se fai unha pota de callos, que a xente non sabe facela en casa, unha boa empanada... receitas tradicionais e ben presentadas porque temos que saber presentar os pratos con certo mimo. A cociña sempre entra polos ollos, pero con ingredientes normais, que podemos conseguir no supermercado da esquina.

—Agardabas ter tanta repercusión co teu blogue?

—Tanto como a día de hoxe non. É verdade que son bastante alemá e se póñome unha meta nunca escatimo esforzos. Son moi traballadora. E ao final acostumas á xente a que vai estar a túa receita aí e iso gústalles moito. Como case toda na vida, o traballo é moi importante. Pero é verdade que a sorte non se pode desprezar. Porque entrar en La Voz, que confiase en min cando era unha descoñecida total, para deixarme publicar en portada foi un puntazo. Iso tamén che motiva.

—Ademais de que son receitas sinxelas e para todos os públicos destacas tamén pola túa presentación...

—Si, para min é fundamental. De toda a vida, porque eu como cos ollos. Algo que non estea ben presentado, aproxímome xa ao prato, pero con certa reserva. Procuro facelo bonito mesmo a diario na miña casa. Non co aparato de copas e demais, pero si colocar mesmo aínda que sexan unhas patacas fritas no prato con certo mimo.

—Desde cando che vén a paixón pola cociña?

—Desde pequena, sobre os once anos, máis ou menos. A miña nai cosía para fose e o meu pai tamén traballaba. Eu sempre a lembro detrás da máquina cosendo. Entón, empecei moi pronto a axudar en casa. O meu irmán era sete anos menor que eu e eu era a maior. Sobre os 11 anos, a miña nai xa me mandaba ir pelando patacas porque ía vir o meu pai de traballar. Entón eu ía facendo, mentres ela íame dicindo: ‘Vas pondo isto, o outro, non se que....' E aos poucos foime gustando aquilo.

—E hai alguén que teña seguido os teus pasos?

—Aos meus dous fillos gústalles moito cociñar porque xa cociñaban de pequenos comigo. Sempre os metín na cociña. Facían orellas cando chegaban os entroidos e púñanse de fariña ata o pelo. Grazas a eses recordos, hoxe en día gústalles cociñar porque o viviron moi de preto. Pero, en xeral, na miña familia sempre nos gustou moito cociñar. Ao meu pai encantáballe, á miña nai menos, pero o que facía sempre o facía moi ben. Ao meu irmán tamén lle gusta moitísimo. Somos todos de bo comer e ao final unha cousa vai unida á outra.

—E que es: máis de doce ou de salgado?

—Son moi golosa. Gústame moitísimo o doce, pero tamén o salgado. Non podería comer só doce. Se teño que escoller, prefiro comer só salgado.

—Un prato polo que che pirras?

—Os arroces, en xeral. Son moi de arroz, gústame moito o arroz. O arroz negro con chipirones que puxen no libro porque é unha receita que gusta moitísimo e a min encántame o arroz negro. Non hai unha fin de semana que non haxa moitísima xente conectada no blogue a esa receita.

—É esa a receita que rompeu todos os moldes?

—Esa é unha delas, pero a masa de empanada da miña tía Aurita rompeu todas as previsións do mundo. Hai tantísima xente que a fixo e que a fai, enviáronme tantísimas fotos de empanadas que non che podes imaxinar. Hai receitas que triunfan porque son boas e porque ao final o boca a boca é a mellor publicidade.