Susana Esteban (enóloga): «Do Alentejo fascíname que podes facer o que che dea a gana»

SABE BEN

A mellor enóloga de Portugal é galega. Así lle foi recoñecido co premio que o acredita. Desde o 2009 produce viños de factura exquisitamente persoal nas terras altas alentejanas

25 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Naceu en Tui, estudou Químicas en Santiago e cursou un máster en Enoloxía na Rioxa. Fixo prácticas no Douro e no 99 instalouse alí, para traballar, primeiro, na emblemática Quinta do Couto e, despois, na pioneira Quinta do Crasto. No 2009 deu o salto ao Alentejo. «Foi, non che digo empezar de cero pero case. A mentalidade era completamente diferente», lembra agora. Comezou a traballar como consultora para cinco adegas. «Pero enseguida quixen pór en marcha o meu proxecto persoal. Quería facer algo con máis alma». Pasouse dous anos buscando parcelas con viñas vellas, con varios tipos de variedades autóctonas e situadas en zonas altas, que lle proporcionasen frescura. Atopounas no 2011 na Sierra de San Mamede, en Portalegre. Froito daquela parcela foi o Procura 2011, o seu primeiro viño. «Entusiasmeime e agora teño 12 porque non mesturo uvas de parcelas distintas. A mestura de variedades que existe en cada unha é a que lle dá personalidade aos meus viños. Por iso teño tantas referencias».

- Cara a onde deben evolucionar os viños do Alentejo para que deixen de ser uns descoñecidos?

-A min o que me fascina do Alentejo é que podes facer o que che dea a gana. Podes facer viños de microparcelas, como é o meu caso. Ou podes ir cara a unha vertente moito máis comercial, que é o que fai a maioría. Pero iso tamén está ben, sempre que os viños sexan correctos, que neste caso o son. Cada un que evolucione onde se senta máis cómodo. A única premisa é a calidade. Temos materia prima e tecnoloxía para conseguila. Que imos facer un viño de tres euros? Vale, pero que sexa o mellor veu de tres euros do mercado.

-No 2011 recibiu o premio Enóloga do Ano de Portugal. Creo que é a única muller e a única persoa non portuguesa que ten ese galardón.

-Pois si. Aínda hoxe en día me segue chocando. E é que en Portugal aos galegos quéresenos, pero aos españois… Teñen un refrán que di De Espanha, nem bom vento, nem bom casamento. Hai moita rivalidade. Xamais pensei que me puidesen dar ese premio. A verdade é que ¡ole por eles! porque me demostraron que o que lles importou foi o traballo, non a nacionalidade.

-Hai moitas mulleres no mundo do viño no Alentejo?

-Nin no Alentejo nin en Portugal en xeral. En Galicia si hai unha chea de enólogas e moitas adegas están en mans de mulleres. En Portugal estamos as mesmas catro (Filipa, Sandra, Rita e eu) desde hai 20 anos. Segue sendo un mundo moi masculino. É algo que para min non ten explicación.

-Ten unha liña de viños, Sidecar, que cada ano elabora cunha persoa distinta. Que é o que busca con eles, que lle achega?

-A min gústame moito facer colaboracións con outros enólogos. O primeiro Sidecar fíxeno con Dirk Niepoort, que para min é un visionario do mundo do viño. O segundo elaboreino con Filipa Pato, coa que fixen un viño tinto en ánfora alentejana. O terceiro foi con Eulogio Pomares, que quixo facer un branco nunhas ánforas de arxila branca que trouxemos de Cataluña. O do 2017 foi con Jorge Lucki, un xornalista brasileiro especializado en viños e recoñecido a nivel mundial, co que fixen un branco nun fudre alsaciano de 1961. Os do 18 e o 19 aínda están nos toneles. Elaboreinos con Ricardo Diogo, de Vinhos Barbeito, unha das adegas máis singulares e creativas de Madeira. El é un apaixonado dos Barolos e quixo facer un tinto cunha viña vella de Alacante Bouschet en dúas toneles que trouxemos de Italia. Que me achegan? Moitísimos coñecementos, moitísima experiencia, outra forma de ver as cousas. Sen dúbida, Sidecar non ten un afán comercial. Só facemos mil botellas. Pero mira, ao ano seguinte de ter feito o viño con Jorge Lucki elaborei outro viño que estivo ano e medio naquel foudre alsaciano. De feito chámase así, Foudre, E foi o primeiro viño branco portugués en ter 20 puntos sobre 20 na revista De Viños, o cal me deu unha alegría especial porque por fin demostrei que no Alentejo tamén se poden facer grandes brancos. Pois ben, iso xamais me tería pasado de non ter feito aquel Sidecar con Jorge. Nin tería feito o Procura na Anfora se Filipa e Eulogio non me propuxeron facer viños en arxila.

-Apostou para os seus viños por unha imaxe nada convencional.

-Si, e comercialmente custoume moito que ma entendesen e aceptasen. Dicíanme que un viño tan serio non podía ter unha imaxe tan rompedora. Nese sentido, Portugal aínda é moi tradicional. O de Quinta… de ou Herdade de segue… vendendo.

-Cando chegou ao Alentejo dixo que pasou a elaborar os viños coa cabeza cando ata entón o fixo co corazón.

-Iso foi na etapa na que traballaba de consultora para outras adegas.

-Con que os elabora agora?

-Os meus viños sempre co corazón. Nunca pensei «vou facer este viño porque o podo pór a 30 euros a botella…». Nunca fago esas contas. A min non me preguntes canto facturo, porque non o sei, de verdade. Eu fago viños porque me dá pracer.

-Está ao corrente do que se fai no mundo do viño en Galicia?

-Si, por suposto. Vou moito por aí. Galicia está nun momento incrible. Hai proxectos chulísimos que están a recuperar variedades autóctonas que case se perderon. Gústame o que fai Laura Lorenzo en Daterra, o que está a facer Rodri (Méndez) e, por suposto, Eulogio Pomares. Para o meu Locho é o máis en grao sumo.

-Cara a onde deben ir os viños galegos?

-Están en moi, moi bo camiño. Teñen que ser creativos e, sobre todo, mostrar a identidade do sitio de onde proceden. Que non intenten imitar a ninguén. Que sexan auténticos.

-Podería algún proxecto en Galicia tentarlle como para regresar?

-Nunca se sabe. Xusto na actualidade non podería porque estou nun momento frenético. Pero xa fixen algunhas colaboracións en Galicia e agardo que non sexan as últimas.