Con tapas gratis, que sirvan cervexa ben fría e mesmo viejunos. Son algúns dos requisitos que cumpren os locais preferidos de case unha vintena de galegos de diferentes perfís. Nada que ver co neoiorquino Dante, o mellor bar do planeta segundo a «World´s 50 Best Bars»

Laura G. del Valle

Nunha das últimas listas sobre os mellores bares do mundo (oficialmente, a World´s 50 Best Bars)  coáronse tres locais españois no ránking (Salmón Gurú, en Madrid; e Paradiso e Dr. Stravinsky, en Barcelona). E non houbo mención a ningún local galego. Sen pór en dúbida os criterios que fixeron que a esquina noroeste peninsular estea á marxe da lista, abrimos o melón de que buscamos os galegos cando imos a un bar e cal é para nós o número uno. Choveron as respostas. Agora ben, distan e moito das valoracións da revista Drinks, responsable da World´s 50 Best Bars. Mentres que a maioría de locais galardoados pode alardear de ter os mellores cócteles, unha decoración exquisita e un servizo pitiminí, a boa parte dos consultados pouco ou nada lles importa todo isto. Mesmo hai quen pon como requisito que teña futbolín. Ou aqueles que buscan serrín no chan. A idiosincrasia galega nunca deixa de sorprender.

Hai algo que queda claro. Somos amantes, pero moito, da cervexa. A mensaxe era sinxelo: dime que ten que ter un bar para que che apeteza entrar. Pois canas moi frías. E porque imos profundar, pero isto é basicamente o que necesita a maioría para ser feliz. Ana, unha publicista de Vigo de 34 anos, a moza amante do serrín, asegura que podería pasarse media vida no Edra (Vigo). E que mentres o local sexa «un bar de vellos con musiquita rock e unha cana ben tirada en vaso, nunca en copa, todo está ben. Pero se ten xa música en directo como O Torgal (Ourense), é perfecto». Mentres se lle iluminan os ollos acórdase do compostelán Costa Vella. «Non ten nada que ver co que che acabo de explicar, pero é un sitio con moitísimo encanto, unha terraza acolledora e un xardín moi cuco. Tamén me gusta». Lanza un aviso ao mundo da hostalería: «Camareiros, sede simpáticos. Pero tampouco vos pasedes».

O Torgal será escenario de la presentación del festival
O Torgal será escenario da presentación do festival Álvaro Vaqueiro

Poderían quedar para unhas canas esta viguesa e Patricia, unha enxeñeira herculina de 33 anos que recoñece que os que máis lle gustan son «os bares de toda a vida que non perderon a súa esencia; eses que teñen soleira, carácter e personalidade. Vivo en Madrid e cando volvo a casa sempre vou ao Tarabelo (A Coruña), porque reúne estas condicións e, sen dúbida, pola súa tapa de berberechos e o seu cañita ben fría». Boas tapas e cervexa menciona tamén Belén Suárez, a nutricionista de cabeceira de Sabe Ben. «E debería ser acolledor para que che queiras quedar, de feito inflúeme moito que o bar estea baleiro para decidirme a entrar ou non; se non hai xente bótame para atrás». Recomenda O Cabo (A Coruña).

Tasca O Tarabelo (A Coruña)
Tasca O Tarabelo (A Coruña) PACO RODRÍGUEZ

Isto mesmo pensa o médico Manuel Viso. Aínda que recoñece que non é moi de bares, cando vai a unha cafetería busca que teñan «alimentos e bebidas saudables que, ademais, sexan moi visuais». Pero necesita algo máis. «Que o trato do servizo sexa próximo, que o local estea ben deseñado e que non estea baleiro». Talvez sexa Viso o que pide unhas características que se asemellan máis a Dante, o local neoiorquino que se alzou como o mellor bar do mundo. O local favorito deste médico é Samaná (A Coruña).

Os fumadores teñen as preferencias claras

A pesar de que non todo o mundo ten os mesmos criterios estéticos, é certo que cada un busca na súa segunda casa, que é o que son os bares para moitos galegos, o mesmo confort que no fogar. É por iso que son os fumadores os que se acordan rápido de locais con terraza interior. É o caso de Bea, unha moza de 28 anos que durante anos viviu en Pontevedra. «O Dr. Livingstone Supoño ten varias terrazas interires e variedade de cervexas artesadas, así que con iso a min xa me teñen gañada. Pero ademais es perfecto porque ten ambiente pero non chega a ser discotequero. E unha decoración preciosa, parece que estás na selva». Identica opinión ten María, unha profesora de 33 anos. Pero ela queda co Momo, en Santiago.

O que seguro non hai na selva seguro que non hai taberneiros, dos que conquistan ao cociñeiro Adrián Felípez. De caste vénlle ao galgo pedirlle ao bar dos seus soños «que haxa unha gran variedade de viños e espumosos e que a atención sexa boa». Cumpre os seus desexos Almacén Concept Store (A Coruña) e Pontejos; neste caso, pola tortilla. Estaba cantado que máis dun ía sacar a relucir as súas tapas favoritas (e que llas dean pola cara) falando dos mellores bares. Para Iria, unha publicista de Noia de 35 anos, é condición indispensable. «Por iso gústame Casa Ponche (A Coruña): hai variedade de petiscos e sempre ricos, e ademais tiran xenial a cana e en vaso curto, como me gusta». 

Tardou en saír o gordo do café. Pero Alfredo García, un xubilado de 57 anos, foi o único dos consultados que asociou en primeiro lugar, local cun das iconas dos bares. «Para min o máis importante é que o café sexa bo e que as mesas sexan cómodas para ler a gusto; por iso tamén valoro as cafeterías que teñen variedade de prensa. quedo co Sampaio de Santa Cruz (Oleiros) e A Granera (A Coruña)». Moito máis difícil para atopar un bar do seu agrado a tiro de pedra teno Álex, coruñés de 33 anos. «Só pido que teña futbolín».