El vecino de Coristanco que tiene el museo de la gaseosa en casa

SABE BEN

ANA GARCÍA

Os envases de auga e acedo carbónico convertéronse nunha das grandes paixóns de Juan Carlos Villar, que converteu a súa vivenda nunha atracción para as súas visitas

16 feb 2023 . Actualizado ás 22:38 h.

As burbullas son a súa afección. Juan Carlos Villar descubriu nesa simple mestura de auga e acedo carbónico que se fixo tan popular nos anos sesenta a súa verdadeira paixón. Tanto que creou un auténtico museo da gasosa na súa casa de Coristanco. Todas as botellas perfectamente aliñadas e colocadas en andeis construídos exclusivamente para albergar esta apreciada colección. Mesmo conta tamén con sifones antigos, que xa resultan moi difíciles de atopar. Acumula tantas botellas que ten que consultar as súas listaxes para falar con seguridade dun envase en concreto.

«Expostas debo andar polas 1.200. É verdade que teño unhas pouquiñas máis, pero son botellas do mesmo fabricante que teñen algunhas variantes da cor ou do debuxo», explica este seareiro das faíscas que recoñece que lle gusta tamén coleccionar algúns modelos curiosos que se vai atopando: «Por exemplo, en Betanzos, na botella de Refrescos Los Caneiros saía unha lancha moi bonita, e cada vez fóronlle quitando as cores para abaratar custos. Antes o visual tiña o seu interese, pero despois xa pasaron a facer as botellas dunha soa cor e a obviar o debuxo para que fose máis barata a serigrafía. Esa evolución do fabricante si que a gardo», recoñece este experto en gasosas que tamén revela que lle gusta que o sifón e a botella dun mesmo fabricante teñan o mesmo debuxo: «Teño expostos por un lado sifóns e polo outro botellas de peche de arame, e despois as botellas máis antigas», explica. Para lograr toda a colección se percorreu practicamente todos os municipios galegos en busca das ansiadas botellas: «Cando alguén vén á casa xa me di: “A ver, búscame a gasosa da miña vila”. E tentamos atopala entre as que hai aquí», confesa.

FÁLTANLLE 20 ENVASES

«Hai uns vinte envases que sei que existiron e que eu non teño. É dicir, andas á procura deles, tes a fotografía ou algunha referencia en prensa, pero eu non os teño. Si a maioría e os máis importantes», explica non sen apuntar que «nunca o podes dicir seguro, porque mañá pode aparecer unha caixa dun fabricante raro do que non tiñas constancia. Sobre todo con botellas de principios do século pasado, dos anos 20 ou 30, aí podes levar algunha sorpresiña porque os cafés antigos das grandes cidades tiñan a súa pequena fábrica de gasosas e os seus propios refrescos. Sempre pode aparecer algo, eu estou atento», apunta este especialista que descubriu toda unha cultura ao redor das fábricas de gasosas e os refrescos locais na Galicia do século pasado. En realidade, a súa paixón polas burbullas xurdiu como suceden as grandes cousas. Por casualidade e cando era ben pequeno: «A min sempre me deu un pouco por xuntar trapalladas. Xa dende pequeno. Un día cando tiña 10 anos atopei unha caixa de gasosas con dúas ou tres marcas locais, da zona. Despois estiven traballando uns anos por fóra e, cando xa me establecín aquí definitivamente, remexendo un pouco, atopeinas, e empecei coa historia esta», explica este veciño de Coristanco que comezou a súa procura polos concellos limítrofes e que aos poucos foi ampliando o seu radio de acción: «Deime de conta de que case en cada concello había unha fábrica e empecei a tirar do fío. Ao principio coas botellas de peche mecánico, as do arame, dos anos setenta ou oitenta que todos lembramos. E despois contactei con algún fabricante. Fun a algunhas zonas, a bazares que xa pecharan, algúns ultramarinos, bares vellos... E ía atopando sempre algunha curiosidade». Tamén recorreu ás hemerotecas onde descubriu algún rexistro de fabricantes dos anos 70 que lle serviu de gran axuda. Porque unha das cousas coas que máis goza Juan Carlos é co traballo de campo: «É como ir na busca dun tesouro», di este coleccionista que ten localizadas 214 fábricas de gasosas na provincia da Coruña, 230 en Pontevedra, 118 en Ourense e 102 en Lugo.

Unha revolución industrial

«As máquinas que facían a mestura da auga co ácido carbónico agora non son nada, pero nos anos 20 ou 30 eran unha pequena revolución industrial. Quen as tiñan eran xente moi emprendedora, que normalmente se dedicaban a outro tipo de actividade, ao mellor tiñan un ultramarinos ou outro negocio. A gasosa era unha actividade paralela. Despois, a partir dos anos 60 xa se popularizou moito a gasosa no ámbito familiar, e a botella grande de litro mesturábase co viño ou coa cervexa», explica sobre o fenómeno económico que se xerou nas vilas de Galicia.

Juan Carlos é pouco amigo de pagar cantidades desproporcionadas por conseguir as botellas que quere, pero recoñece que unha vez chegou a pagar 300 euros por un destes envases: «Foi un capricho. Unha cousa puntual. Non quere dicir que moitas destas botellas non teñan este valor ou que non me teñan ofrecido por algún envase cantidades máis elevadas. Ese, en concreto, era un envase que levaba moitos anos detrás del e saíu a oportunidade. Era unha botella moi antiga, de bóla, tipo boliche, cunha referencia clara dun fabricante moi antigo, e permitinme esa pequena licenza», asegura mentres relata que hai pouco un coleccionista de Cidade Real ofreceulle 500 euros por varias botellas, unha oferta que non llo chegou a tomar moi en serio.

E conta unha anécdota dun fabricante de Mugardos: «Foi nos anos 50 ou 60, intentou comercializar un refresco chamado Kiola, e que era unha Coca-Cola realmente. E dicía el: “Non o daba vendido. A xente dicíame: ‘Non me botes esa auga das pozas’, porque tiña un color como a Coca-Cola, negro, e antes o que querían era unha limoada, unha laranxada cun color atractivo, bonito e limpo”. Os refrescos de laranxa tiveron un grande éxito nos anos 50», asegura. Este veciño da Costa da Morte non advirte hoxe en día un repunte do consumo de gasosa, aínda que si do sifón, onde asegura que cada vez hai máis sitios onde podes atopar a soda neste envase. Chinchín, Juan Carlos.