Vivir cen anos coa despensa dun galego

SABE BEN

ALBERTO LÓPEZ

A despensa da dieta atlántica é perfecta para manter unha saúde de ferro, incluída a dos maiores, máis delicada; os grelos, o queixo do país ou a pataca de Coristanco poden mellorar notablemente a nosa alimentación

29 oct 2019 . Actualizado ás 12:52 h.

A lonxevidade é marca da casa. Os galegos levan anos figurando nos primeiros postos do ránking dos europeos que viven máis anos e, aínda que a xenética é un factor clave, a alimentación importa. E moito. Que llo digan se non aos xaponeses, fonte de envexa do resto do mundo pola súa dieta, rica en peixes frescos, cereais e verdura, que lles mantén activos e lozanos practicamente ata o final dos seus días. Pero na esquina noroeste peninsular os produtos que ofrece a terra (e, por suposto, o mar) permiten aos maiores gozar dunha alimentación variada, en moitos casos sinxela para aqueles a os que lles custa masticar ou non saben cociñar, e moi saudable. Estes son os produtos galegos indispensables para vivir cen anos. 

1. Pataca de Coristanco

A clásica. Esa que aparece en practicamente todas as receitas galegas. «O 50 % da enerxía total que temos que consumir son hidratos de carbono; e ofrecen moitas opcións de cociñado, aínda que son perfectas cocidas, ao forno ou ao vapor como guarnición», apunta a nutricionista Belén Suárez.

2. Ovos da aldea

Este indispensable da dieta galega, fonte de proteínas de alto valor biolóxico, así como de vitaminas e minerais, «é perfecto para preparar nunha tortilla francesa ou nunha riquísima tortilla de Betanzos». Estas elaboracións, como lembra Suárez, adáptanse perfectamente a todo tipo de persoas e son ideais para os maiores porque non teñen que facer esforzos ao masticar. Ademais, apunta a experta, é importante neste caso que as galiñas se alimentan a base de cereais e vexetais. 

3. Grelos e nabizas

Estas verduras de folla verde están infestadas de vitaminas e calcio e son unha gran fonte de fibra. Unha opción saudable para que consuman os maiores con asiduidade é, segundo Suárez, en caldo galego (sen abusar do chourizo que acompaña). Ademais, ao tratarse dun prato de culler é doado para comer, leva legumes que son fonte de proteína e no inverno é unha das elaboracións máis reconfortantes.

4. Queixo do país

Ou queixo de San Simón, de teto, de Arzúa, do Cebreiro. Galicia é o país dos mil queixos e, sen caer nunha inxesta abusiva (teñen bastante graxa), é unha alternativa perfecta, por ser unha gran fonte de calcio, para paliar esa gula irrefreable que aparece de cando en vez. Que de alegrías tamén vive o home.

5. Tenreira Galega

«Fonte de ferro e proteína, ademais é tenra, zumenta e magra. En guisos é ideal para os maiores da casa, pero tamén para os nenos», comenta a nutricionista. Aínda que se recomenda diminuír o consumo de carne vermella en prol de aves e, sobre todo, peixes, unha vez á semana pode ser unha boa alternativa.

6. Pescada de Celeiro

O seu baixo contido calórico e baixo contido en graxa fan deste produto un básico na dieta dos galegos. Ademais destas cualidades, Suárez menciona que se trata dun peixe «rico en proteínas de alto valor biolóxico». Como prato recomendado, esta especialista teno claro: pescada á galega. Non podía ser outro. «Pescada, patacas e ajada; unha receita completísima se se acompaña dunha verdura»

7. Sardiñas

«A partir deste mes a sardiña está buenísima e é un prato perfecto para o verán que ten unha elaboración sencillísima. Pero, non só isto; trátase dun peixe azul cargado de 'graxas boas', os omega 3, que preveñen enfermidades cardiovasculares e son estupendos para evitar a perda de memoria. A sardiña tamén é rica en Vitaminas A e D». 

8. Mexillóns

Son unha gran fonte de proteínas e un xeito alcanzable e doado para comer marisco. O mesmo sucede cos berberechos, que son outra alternativa interesante. Ollo, está ben telos en conta porque salvan dun apuro e son moi nutritivos pero non se pode abusar deles porque, lembra Suárez, «aumentan o colesterol e o ácido úrico».

 

9. Aceite de oliva de Quiroga

«Este produto é imprescindible tanto na dieta atlántica como na mediterránea. Trátase da fonte de graxa que deberiamos empregar polas súas propiedades: acedos grasos omenga 3». En calquera caso, pero máis se se trata dun gran aceite como o de Quiroga, «es ideal tomalo cru nalgún momento do día: no almorzo con pan ou en ensaladas nas comidas principais», recomenda a especialista.

10. Pan galego tradicional

Pan galego, molete ou pan de bóla: calquera das tres convértense nunha das apostas gañadoras do almorzo. Un pan artesán, sen máis ingredientes que fariña, fermento, auga e sal é un gusto para o padal e o estómago que, debemos aproveitar, ao ser parte indispensable da despensa local.

TAMÉN EN SABE BEN