Cal é o mellor tomate para facer pan tumaca?, como podo facer un pancake en poucos minutos?

A. G. P.

SABE BEN

JOSE MANUEL CASAL

Se tes preguntas sobre nutrición, receitas ou mesmo protocolo na mesa, deixa a túa consulta na caixa de correos gastronomia\lavoz.es e os profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia sacaranche de dúbidas

07 ene 2021 . Actualizado ás 13:39 h.

Unha semana máis, damos resposta ás consultas gastronómicas que lanzaron aos profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG). Se segues facendo castings en casa para descubrir que tomate é o máis adecuado para facerse unhas boas torradas de pan tumaca e aceite no almorzo, ¡hoxe dámosche a resposta! E por non perder o fío da semana pasada no que a froita foi a protagonista, sacámosvos de dúbidas acerca de cando é o mellor momento para tomala e en que formato. Resolvemos tamén as inquietudes dos lectores acerca das hamburguesas e dos caldos de pito e peixe. Para completar o menú, o toque doce pono as tortitas. ¡Bo proveito!

É mellor comer froita antes ou despois de comer?

Pódese tomar froita antes e despois de comer, e mesmo durante as comidas, por exemplo formando parte dunha ensalada, tamén en calquera outra comida do día, almorzo, tentempié ou cea… o importante é tomala, preferiblemente en forma de froita fresca e con pel cando se poida. A recomendación é de polo menos 3 racións cada día.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG. 

Cal é o mellor tomate para facer pan tumaca?

En principio o máis importante é o estado de maduración do tomate que ten que estar no seu punto óptimo, ademais ten que estar brillante, sen engurras e con peso.

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Cando fas caldo de peixe ou pito hai que eliminar a espuma escura?

Por suposto que hai que ir espumando porque así imos quitando as impurezas e ademais conseguimos obter un caldo máis limpo, transparente e sobre todo conseguimos que non saia turbio.

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Hai algún xeito de facer un pancake en poucos minutos?

En todo proceso de elaboración fai falta seguir os pasos que marcan as receitas, no caso dos pancakes entendo que non hai ningún tipo de aforro na elaboración no entanto para facelos con maior rapidez o único que se me ocorre é facer varios á vez en distintas tixolas, iso si controlando ben os lumes para que non se pasen.

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Que truco teño que utilizar para que unha hamburguesa quede compacta e non se desfaga?

Para que un hamburguesa quede compacta pódense utilizar distintos elementos de ligazón como poden ser:

Xemas de ovo, ovo enteiro, pan rallado, maicena ou faragullas de pan previamente metidas en leite e engadidas na farsa ben escurridas.

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

outras dúbidas resoltas en sabe ben