Podemos comer ovos todos os días?, que froito seco engorda menos?

L. G. V.

SABE BEN

Se tes preguntas sobre nutrición, receitas ou mesmo protocolo na mesa, deixa a túa consulta na caixa de correos gastronomia\lavoz.es e os profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia sacaranche de dúbidas

07 ene 2021 . Actualizado ás 13:40 h.

Esta vez, os lectores de Sabe Ben puxeron sobre a mesa as dúbidas que máis lles preocupan en relación á seguridade alimentaria. É certo que estas semanas se sementou o caos tras o caso da muller que morreu intoxicada tras comer un arroz con cogomelos no restaurante Riff de Valencia (cunha estrela Michelin), e talvez por iso sacaron a relucir a artillería pesada dos seus temores. Á eterna pregunta que moitos se fan cando un día comen ovos fritos e ao día seguinte tortilla súmanselle as consultas ao redor da preparación de moluscos. E tranquilos os máis neuróticos con iso de salvagardar cada unha das propiedades dos alimentos, pois antes de que chegue ás librerías un manual do bo conxelado, xa vos guindan luz  os profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG).

É prexudicial comer ovos todos os días?

A día de hoxe, entre a poboación sa, a evidencia científica non establece relación entre o consumo dun ovo ao día co aumento dos niveis de colesterol en sangue, senón que a hipercolesterolemia está máis relacionada co consumo de alimentos ricos en graxas saturadas e trans (embutidos, bollería, galletería, etc.). E co sedentarismo.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG.

Pódese facer unha bechamel sen leite?

A bechamel é unha das grandes salsas básicas da cociña e, en principio, a súa elaboración sempre leva roux (Manteiga e fariña), leite, sal, pementa e noz moscada. No caso de substituír o leite por outro caldo e eliminando as especias, evidentemente pódese facer e estará rica, pero xa cambiaría o nome de bechamel por velouté .

Roberto Walther, responsable do departamento de Cociña do CSHG.

Os berberechos que flotan cando os pos en remollo hai que refugalos?

Os berberechos, para mantelos e quitarlles as arenillas de xeito máis eficaz hai que pólos con auga e sal, ou auga depurada de mar. Se vemos que algún flota e está vivo, non pasa nada, pero se está morto é mellor rexeitalo.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG.

Pódense conxelar os tomates sen cociñar?

Se, pódense conxelar directamente sen cociñar, lávanse, sécanse e ao conxelador. Loxicamente despois consúmense unicamente cociñados, en salsas, guisos, sopas ou cremas. Se os conxelamos realizando un escaldado previo manteremos mellor as súas propiedades organolépticas e nutricionais.

Patricia Beiro, profesora de Hixiene, Dietética e Nutrición no CSHG.

Que froito seco engorda menos?

Aínda que hai algunha diferenza no contido calórico dos distintos froitos secos, non nos ten que preocupar, xa que o seu consumo non está relacionado co desenvolvemento de sobrepeso e obesidade. Achégannos unha chea de beneficios, así que o importante é elixilos crus ou tostados (non fritos, salgados ou garrapiñados) e consumilos na cantidade recomendada, un puñado. Podemos tomalos incluso todos os días da semana.

outras dúbidas resoltas en sabe ben