Non hai distancia para comerse un bo cocido

SABE BEN

MARCOS MÍGUEZ

De Cotobade a Oza, pasando por Lalín e Ourense, os amantes do prato estrela do inverno percorren os quilómetros que fagan falta para degustar un cocido supremo. Se o produto é bo, o local inmellorable e gózase coa mellor compaña, o resultado é xa redondo. Prepárense e fagan oco, o mes do lacón e a cacheira xa está aquí

14 ene 2020 . Actualizado ás 12:41 h.

Febreiro é o mes do cocido por excelencia. Un prato que define a idiosincrasia dos galegos. Un ritual e unha forma de reunirse en familia. Por iso ademais de facer os quilómetros que fagan falta para acudir a un local onde o cocido estea buenísimo, moitos amantes deste prato recoñecen que o ambiente tamén importa. Un lugar agradable no que estar permite que o plan sexa redondo e con maiúsculas. Aquí presentámosvos catro propostas onde degustar un bo cocido nun ambiente inmellorable, co permiso dos templos máis coñecidos deste manxar.

Mamá lela

O que xurdiu como unha necesidade e unha saída a unha situación persoal difícil, acabouse convertendo nunha gran paixón. Así define José Fernández Tejedor, o proxecto de Mamá Lela, que creou fai case cinco anos xunto coa súa muller, Carmen Bouzas, e a súa cuñada María Elisa. Todo neste sitio ten encanto. A súa localización -situado nun enclave rural, na parroquia de Carballedo, en Cotobade - a casa na que está situada, a decoración, a mesa ben posta onde non lle falta detalle e o cariño co que se coida o produto e a forma de presentalo: «Xa foi no seu día o restaurante da miña sogra, pero pechouse hai moitos anos. Nós modernizámolo un pouco e puxémolo chuliño», explica José, antes de aclarar que só abre as fins de semana.

O da cociña é un tema á parte e só ten halagos para a súa cuñada. Di que tanto ela como a súa muller herdaron da súa sogra a boa man para elaborar pratos riquísimos. E o cocido fano con esmero: «Coidamos moito o produto. Traballamos con pequenos produtores e a carne é de primeira calidade, vénnos directamente de cría. Ademais, a maioría das verduras cultivámolas nós e os chourizos tamén. Cando se come , lembra o sabor de antes, do cocido que comiamos cando eramos nenos», comenta. Ademais, prepárase «a lume lento» como non podía ser doutro xeito e nunha cociña de leña. Mamá Lela traballa con reservas porque só admiten 32 comensais en cada comida: «É o que somos capaces de atender e que todo funcione ben. Trátase de que a miña cuñada poida vivir e de non forzar a máquina», asegura. Nos seus cocidos non falta a sopa, a cacheira, o pito caseiro, a costela, o chourizo e a morcilla feitos en casa e o jarrete. Tamén, leva xamón, garavanzos e nabiza ou repolo. E de sobremesa, filloas, dúas recheas con crema pasteleira e outras dúas sen nada. Todo por 22 euros sen bebida e cun ambiente inmellorable: «Pomos unha música de ambiente chulísima e a miña muller pásase os venres pola tarde facendo centros de flores e colocando veas. Como non dobramos mesa, a sobremesa é moi relaxada. Case todo o mundo se vai dándonos un bico de despedida», comenta José, mentres relata que unha vez entrou unha muller xaponesa que se botou a chorar mentres comía o guiso que pedira: «Dicía que lle lembraba á comida da súa avoa. E é que ao final, hai sabores que son internacionais», aclara.

Pazo de Santa Cruz de Mondoi

Durante a tempada baixa de vodas, Antonio Amenedo Janeiro pasábase os fins de sábado de novembro a marzo buscando lugares onde comer un bo cocido coa familia. Este defensor sen concesións da cacheira percorreuse uns cantos restaurantes ata que os seus amigos lle dixeron que non buscase máis, que sen dúbida o mellor local era o seu. Situado no municipio de Oza-Cesuras , e nun enclave inmellorable, nada mellor que un pazo para tomarse un bo cocido: «Dixéronme que aquí, no pazo de Santa Cruz de Mondoi, podíase tomar un cocido tranquilamente e logo poder tomarse uns gin tonics de xeito relaxado, mentres os rapaces xogan polo céspede e pódelos ver desde o comedor acristalado. Así que empezamos a facelo», comenta Antonio, que asegura que durante o mes de febreiro pódense xuntar 150 persoas as fins de semana: «Unha tolemia», aclara este cociñeiro que recoñece que na Molinera, de Lalín , foi onde aprendeu a facer o cocido que presenta agora aos seus comensais: «Traballamos as fins de semana e con reserva porque non somos un restaurante ao uso», di.

Amenedo é das persoas que pensan que «o cocido se non sobra, é que falta», por iso traballa con reservas. Para Antonio, o éxito pasa por conseguir un prato ben feito. Para iso, segue as pautas da Molinera, de Lalín, e traballa «co mellor produto de Galicia». E di que «non se pode facer nunha pota exprés». «É unha cociña de puf, puf, de lume moi lento, con bo produto e calidade. Ademais, ás oito da mañá xa están as potas ao lume», explica. De primeiro ofrece unha sopa caseira, e de segundo cachola, touciño entrefebrado, rabo, espinazo, pés, lacón, costela, botelo e chourizo con grelos , repolo, garavanzos e pataca. Para a sobremesa ofrece milhoja caseira e en entroidos , orellas e filloas. Todo iso por 30 euros con bebida incluída.

Cabanas, lalín

Se se fala de cocido, Lalín non pode faltar. Ademais da Molinera, o restaurante Cabanas é outro dos sitios de referencia. O que comezou nos anos setenta como unha cafetería con nome caribeño (Copacabana), acabou sendo un dos templos de cocido por excelencia. Conta cun salón máis tradicional e outro moito máis moderno que resulta tamén moi acolledor. O segredo do éxito de José Luis Iglesias é ofrecer un produto de categoría: «Dunha cousa mala, non pódese facer algo bo. E despois paciencia e cariño», asegura o líder deste restaurante familiar, onde os seus fillos xa comezan a coller as rendas.

Nos seus cocidos o porco é o gran protagonista. Así, hai cacheira, costela, rabo, patas, lacón, barriga, chourizo... Despois tamén leva tenreira, grelos, repolo, patacas e garavanzos ou fabas: «Vos garavanzos son unha influencia maragata, ou cocido galego leva fabas», puntualiza. Tamén lle bota galiña ao cocido, pero «de forma testemuñal», para «facer unha auga marabillosa». De sobremesa, cañitas recheas, filloas, leite frito, brazo de xitano, sopapo de mazá, flan caseiro e queixo con marmelo. Case nada. Todo por 32 euros. O prezo inclúe a bebida, cafés e tamén augardente.

BACELO TABERNA VINARIA

Outro local relativamente novo, pero que está a pegar forte nisto dos cocidos é Bacelo Taberna Vinaria, situado á lado da catedral de Ourense . Este establecemento con encanto inclúe os venres este prato no menú do día. Ofréceo por doce euros. Ademais, presenta unha versión particular da tradicional sopa: «Facemos o caldo cun ovo feito a baixa temperatura e con fideos de arroz e un pouco de picante », explica Pedro Pérez, copropietario deste restaurante. Despois, o segundo prato xa é máis tradicional con lacón, cacheira, espinazo, tenreira, touciño entrefebrado e chourizos. Todo iso acompañado de grelos, repolo ou verza, patacas e tamén castaña: «O porco tamén é de castañas», puntualiza Pedro, que recoñece que hai venres que quedan sen existencias. A sobremesa leva filloas con crema de castañas caramelizada e orellas tamén con crema ou xel de limón. Para chuparse os dedos.