Con que brinda en Nadal a muller que máis sabe de viños en Galicia?

SABE BEN

MONICA IRAGO

Esther Daporta tomba o mito de que os viños brancos son para peixes e os tintos para carnes; ademais, revela cales son as súas opcións preferidas para acompañar primeiros, segundos e sobremesas con alternativas que van dos 8 aos 25 euros

12 dic 2019 . Actualizado ás 11:28 h.

Con esas datas que xeran por igual filias e fobias ao virar a esquina, cada un debe comezar a pórse serio co labor que lle foi adxudicado referente ao menú. Os encargados do marisco deberían ter a recado no conxelador os lagostinos e camaróns se non queren deixarse un ril nos próximos días. Aqueles que han de ocuparse do cordeiro ou o pavo xa tardan en pórse ao día cos tutoriales de Youtube para que non volva pasarse o punto da carne. E os que teñen a misión de prover de bebidas aos comensais non deberían perderse nin unha liña do que a continuación explica Esther Daporta. A catadora do restaurante Yayo Daporta (Cambados), que  no 2015 recibiu o premio Magnum á mellor catadora, axúdanos a separar o gran da palla en materia de viños. Acertar nas próximas reunións familiares con botellas a partir de 8 euros é máis doado do que pensamos.

Para empezar, Daporta quere tombar o mito de que os brancos son para  peixes e os tintos para carnes. «Creo que ese pensamento debería estar xa superado», comenta. Para engadir: «Hai tintos frescos con acidez, como moitos galegos, que acompañan perfectamente a peixes e mariscos; doutra banda, existen brancos maduros, contundentes en boca que quedan ben coas carnes». E advirte: «Practicamente todos os que se me veñen á mente son da comunidade, e a maioría variedades da zona do Salnés, porque eu vivo e traballo en Cambados». Pero paso a paso.

Se somos clásicos e aínda nos custa incluír un tinto no primeiro prato dunha reunión do Nadal, onde reinan ameixas, recoiro, mexillóns ou centolas, segundo esta catadora unha buenísima idea é optar por viños da D.Ou. Rías Baixas como «os de adegas Albamar, Gorjas do Salnés ou Zárate». Aos que gozan da rotundidade dun Ribeiro, Daporta aconsella os viños de Cume do Avia («que teñen moi bos tintos para os segundos», afirma) e explica que estes días especiais son a ocasión idónea para revisitar a D.Ou. Monterrei da man de José Luis Mateo; o branco de Alanda, deste viticultor, atópase entre os seus favoritos.

A sobremesa tamén conta

Para recomendar tintos, Daporta tampouco necesita cruzar Pedrafita. A experta inclínase, para un menú do Nadal, polos monovarietales de Mencía da Ribeira Sacra, pero tamén lle gustan especialmente, desta zona, viños de mestura con garnacha. Entre os seus predilectos están os viños de Adega Adegas Guímaro, os de Dominio do Bibei e os de Laura Lorenzo. Para acabar co festín, veu doce ou espumoso? Daporta recoñece que prefire esta última opción, xa que, ademais, Galicia ofrece un amplo abanos de viños espumosos que casan con infinidade de sobremesas. As súas opcións: os de Cabana de Bolboretas, As Bateas e os de Señorío de Rubiós, «polo seu carácter atlántico». Se na túa familia sodes máis de viño doce, esta catadora recoméndache que probes «algún Ribeiro tostado como Alma de Viña Reboreda».

tamén en sabe ben