Un clásico con acerto garantido

SABE BEN

Santi M. Amil

É como o as que resolve a xogada máis complicada. A súa solvencia nace da cociña. Habana 83 é garantía, alleo a vaivéns ou brillos fugaces, fiel ao seu estilo, académico e sen marxe á improvisación.

13 novs 2018 . Actualizado ás 17:28 h.

Son 25 anos os que leva Antonio Simoes de Deus ao volante, adaptándose a cada curva con fina condución. Chegou coa sólida base de nove anos na hostalería suíza e oito máis no Mediterráneo. Cando decidiu introducir o tataki de atún vermello, só tivo que recuperar sensacións coñecidas de outrora. Os seus lagostinos en salsa de curry sobre arroz pilaf e pexego están na carta practicamente desde que abriu. Aínda que entón non estivesen de moda. Acertou coas súas variantes de bonito. Co fin do entroido aparcou os pratos de caza. Toca lamprea, en formato clásico, ao viño tinto. Trata de tela cada día, que está no seu momento, pero é conveniente encargar. O bacallau ao forno, en crujiente de pan de millo sobre salsa de tomate e choricero, é un intemporal, (como as súas carnes, do magret de pato ao jarrete de tenreira), pero nesta época sacará o mellor do skrey. Mentres dure. E que tal unha pechuga de galo de curral escabechada con ensalada de fresones? Non fai tanto que mandaban a suprema ou o lombo de pescada. Hoxe, por cada unha saen vinte racións de atún vermello. E agora, como novidade, pensando nas noites da semana e na barra, empurra forte con carta de petiscos, que é outra opción.

Santi M. Amil

O seu prato: tataki de atún vermello ao sésamo

Converteuse, para sorpresa do cociñeiro, nun prato moi apreciado. A receita? Os tacos de bo atún vermello maceran entre cinco e dez minutos en soia e aceite de oliva. Envólvese despois en sésamo e márcanse á prancha. Para guarnición, salsa e piña caramelizada. Un dez.