Borrell di que os referendos de Putin son «fake»

GALICIA

Martina Miser

Avoga polo rearmamento e a modernización das forzas armadas europeas

01 oct 2022 . Actualizado ás 17:53 h.

Josep Borrell, vicepresidente da Comisión Europea e alto representante da Unión para Asuntos Económicos, acaba de apoiar na Toxa a Pedro Sánchez ao dicir que os referendos realizados por Putin para anexionarse territorio ucraíno son unha pantomima. «O presidente utilizou unha palabra contundente e suave. Eses referendos son fake. Son inválidos e ninguén podería consideralos válidos», dixo. Considera que hai que aumentar as sancións económicas a Rusia , onde o 95 % das fábricas de coches están paradas e o 70 % dos avións non poden voar porque non teñen pezas de reposto. 

Para Borrell é o momento de que «Europa esperte» e teña en conta que construír a paz non se fai tan só sobre a base de relacións comerciais e de dereito. «É necesario o poder coercitivo para ser capaces de afrontar situacións de guerra», dixo. O estadista advertiu que vivimos nun mundo perigoso,«nun xardín no que ao redor hai xungla» e, nesta contorna, dispor de instrumentos militares non é un capricho. «Son necesarios e imprescindibles para a supervivencia», dixo, para logo lembrar que no comercio abondan dous actores pero coa guerra só fai falta unha. Avogou por un impulso ao rearmamento e modernización das forzas armadas europeas, unha iniciativa que ten que abordarse desde a unidade e a coordinación, porque pola contra os países só recaerían no malgaste.

A guerra de Ucraína , lembrou o mandatario, foi desencadeada por un membro de Nacións Unidas que ten armas nucleares. Putin, explicou Borrell, defendeu que o territorio ucraíno foilles roubado e por iso este país non debía existir. Fixo mención ao memorando asinado en 1994 polo que Rusia recoñecía Ucraína e Crimea a cambio de que Ucraína entregase as armas nucleares. «Fíxoo e debeuse arrepentir», matizou

Para Borrell, desde o afundimento do imperio soviético, Rusia vive un sentimento de humillación. «Putin díxolle ao pobo non che metas en política e eu mantéñoche. Pero non ten unha economía eficiente. Rusia é un anano económico, unha gran gasolineira que ten unha bomba nuclear». Na súa opinión, o presidente de Rusia apóiase nun nacionalismo exacerbado, cre que ten unha misión histórica e rexeita a Occidente. Dixo que hai gran diferenza con respecto a China , que expresa o seu resentimento coas armas da economía e da tecnoloxía.

Borrell advertiu de que a guerra está nunha fase diferente: 300.000 soldados serán chamados a filas e existe unha ameaza de utilizar a arma nuclear. Desde o inicio houbo unha resposta europea, unida. Europa pechou a chave do gas, o petroleo e o carbón ruso. Unha decisión que require tamén un esforzo colectivo e individual para reducir o consumo. Por primeira vez, dixo o diplomático, utilizáronse recursos europeos para financiar armas a un país en guerra. Destinamos 2500 millóns de euros, aos que se suman o achegado por cada estado membro.

Sobre que os países europeos non teñan acadado un pacto o venres para pórlle tope ao prezo do gas, Borrel sinalou que hai que velo desde a perspectivas de que os acordos non se acadan á primeira. 

«Rusia xa está perdendo a guerra en termos políticos e morais, pero Ucraína non a gañou», sentenciou.