Aberta a convocatoria para desenvolver clubs de lectura nos colexios e institutos galegos

La Voz

GALICIA

Santi M. Amil

A iniciativa está dotada con 400.000 euros. As solicitudes poden presentarse durante todo este mes

01 oct 2022 . Actualizado ás 15:15 h.

A Consellería de Educación publicou a convocatoria de fondos para os clubs de lectura de centros educativos públicos galegos, tanto para os de nova creación como para os que queren seguir funcionando tras a experiencia de cursos anteriores.

A iniciativa, á que poden acollerse centros de primaria, secundaria, bacharelato, FP e ensinos de réxime especial, está dotada con 400.000 euros. A axuda que se obteña poderá dedicarse á adquisición de libros para as actividades do club, que posteriormente pasarán a integrarse nos fondos da biblioteca do centro, e tamén a outros gastos de funcionamento (aínda que non máis do 25 % do que se reciba poderá dedicarse a este fin).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, a contar desde este sábado 1 de outubro. Poderán solicitar participar no programa os centros que inclúan un club de lectura (consistente basicamente en promover a participación dun grupo de alumnos para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza o proceso) na programación de actividades da biblioteca escolar. Tamén aqueles que conten con profesorado que pretenda pór en marcha un club co alumnado ou outros membros da comunidade escolar en horario extraescolar ou tempo de lecer.

As solicitudes presentaranse a través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas/, e deberán ir acompañadas de documentación na que se expliquen as finalidades do club de lectura, as actividades programadas, a composición e número de participantes aproximado (recoméndase que non sexan máis de doce), e as formas de organización e funcionamento previstos, entre outros datos.

A cantidade de fondos que recibirá cada club dependerá do número total de solicitudes seleccionadas, que se repartirán o montante total de 400.000 euros orzado.

O obxectivo destes clubs é promover e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado. O curso pasado funcionaron en 346 centros públicos e sumaron máis de 12.000 participantes.