A Galicia máis afastada do AVE

Pablo González
pablo gonzález REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

A Mariña e a montaña lucense, así como a Costa da Morte, son os territorios con peor accesibilidade á alta velocidade ferroviaria

06 dic 2021 . Actualizado ás 11:28 h.

Galicia entrará en éraa da alta velocidade o próximo 21 de decembro, aínda que non todos os territorios da comunidade terán un acceso igualitario aos trens rápidos, ben sexan os Alvia que chegan ás cidades atlánticas, ben os AVE estritos que quedarán en Ourense ata que o ano que vén cheguen os trens Avril de ancho variable, en fase de homologación. A accesibilidade ao ferrocarril mídese pola distancia que ten un determinado territorio con respecto á estación máis próxima, pero na alta velocidade interveñen outros factores. Por exemplo, Ferrol e Lugo contan con estacións ferroviarias, pero o seu acceso ao tren de altas prestacións está penalizado por un trazado decimonónico nos seus accesos ferroviarios.

A isto hai que engadir os territorios con menor accesibilidade ao ferrocarril, como pode ser A Mariña e a montaña lucense, as comarcas da Galicia central e, sobre todo, a Costa da Morte. O sueste da provincia de Ourense e a comarca de Valdeorras, que historicamente estivo desconectado, terá un acceso directo aos trens rápidos coa nova estación de alta velocidade da Gudiña, que disporá de catro frecuencias diarias por sentido.

Así, Ferrol seguirá sendo un dos puntos máis afastados do país na mobilidade ferroviaria, pois a pesar dos recortes de tempo coa posta en servizo do tramo Pedralba-Ourense, estará a cinco horas e cinco minutos de Madrid cos dous Alvia diarios que tamén darán servizo á Coruña. Fronte ao caso de Lugo, onde existe un plan para mellorar a liña ata Ourense vía Monforte, na liña que une esta cidade coa Coruña só está prevista a execución do baipás de Betanzos , pero non unha mellora integral da liña. Esta conexión é un auténtico embude (no mellor dos casos tárdase unha hora e cinco minutos e, no peor, case hora e media) e impide un recorte significativo dos tempos, como si gozarán outras cidades.

Lugo está nunha posición mellor que Ferrol, tanto no presente como a medio prazo. A partir do 21 de decembro haberá un tren directo con menos de cinco horas de traxecto. Sairá de Lugo ás 11.20 horas e chegará á estación de Chamartín ás 16.06 horas (catro horas e 46 minutos). Supón unha redución de case unha hora fronte ao traxecto actual: a viaxe faise agora nun Alvia, e farase tamén así desde o mes próximo.

Hai outra opción para viaxar en tren de Lugo a Madrid: facendo transbordo en Ourense. Pola mañá sáese de Lugo ás 08.52 e enlázase en Ourense cun AVE (11.02 horas) que chega a Madrid ás 14.41 tras dúas horas e cuarto de viaxe.

Hai dúas cidades relevantes de Galicia, xa que logo, ás que os beneficios máximos da alta velocidade tardarán máis en chegar, mentres que as grandes áreas metropolitanas da Coruña e Vigo mellorarán os seus tempos actuais no segundo semestre do ano que vén, cando estean en funcionamento os AVE de ancho variable, os Avril que están a ser homologados por Talgo. As zonas próximas a Vigo poderán conectarse coa estación de Urzaiz a través da terminal de autobuses que se porá en servizo durante o primeiro trimestre do 2022, formando un gran complexo intermodal para sacar partido á alta velocidade. A intermodal coruñesa tardará algo máis, mentres que as de Santiago e Ourense xa están en funcionamento, pendentes talvez de axustes para sincronizar os horarios coas novas frecuencias que xa dispuxo Renfe a partir do día 21. Isto favorecerá o acceso aos territorios rurais circundantes ou das vilas intermedias.

No caso de Barbanza , existe unha estación de tren que se chama Padrón-Barbanza, que está na Escravitude, pero desde calquera municipio da comarca barbancesa a opción máis factible para chegar a ela é en coche, xa que non hai autobús directo. Desde esta estación poderíase viaxar a Santiago, Vigo, Ourense e A Coruña, pero as frecuencias son moi escasas. Para subirse ao AVE a opción máis factible sería desprazarse á capital de Galicia por estrada.

Situación diferente é a das comarcas da Galicia central como Deza, que son atravesadas polo eixo de alta velocidade entre Santiago e Ourense pero, a pesar dos intentos, non se habilitou unha estación de alta velocidade nesta zona. A única opción xa que logo son os autobuses nas dúas direccións, que tardan unha hora. Existe a posibilidade de viaxar en tren pola vía antiga a Ourense e Santiago, pero só hai unha conexión aodía . Non é nada operativo, pois a estación está en Botos, a 3,6 quilómetros do centro urbano de Lalín , o que explica que leve anos practicamente morta.

Sen acceso ferroviario

Na Costa da Morte e Bergantiños non hai acceso ferroviario. Houbo un proxecto bastante solvente fai algo máis de cen anos, pero non cristalizou. A única estación neste territorio tan heteroxéneo é a de Cerceda , a 35 quilómetros de Carballo, pero nesta pequena terminal non pararán os trens de alta velocidade. As conexións con autobús coa estación da Coruña son bastante útiles, pois pairan nas inmediacións da terminal.

Aínda que A Mariña lucense é atravesada pola liña da antiga Feve, trátase dun trazado de ancho métrico que non é interoperable co resto das vías galegas. As opcións pasarían por conectar con Lugo e Ferrol, precisamente as cidades que quedan máis descolgadas da alta velocidade.

A reportaxe foi elaborado con información de Beatriz Couce, José María Palacios, S. G. Rial, Rocío Pérez Ramos e Fran Brea.